Espazo Compartido abre as súas portas a 15 novos alumnos

Espazo Compartido abre as súas portas a 15 novos alumnos

Este curso 2017-2018 comeza a terceira edición de Espazo Compartido, que se prolongará tamén no ano escolar 2018-2019. Son un total de 15 mozos e mozas de 18 a 26 anos que ao finalizar a súa formación en habilidades sociolaborais terán máis fácil o acceso ao mercado laboral. Esta promoción de estudantes sumarase aos 21 egresados que suma o programa nas súas dúas edicións anteriores.

Espazo Compartido é un dos proxectos de maior impacto social que a Universidade da Coruña levou a cabo nos últimos anos. O Consello Social da UDC participa desde a súa posta en marcha nesta iniciativa, que ofrece unha alternativa para persoas con discapacidade cognitiva que non poden acceder ao ensino superior polas canles habituais e necesitan completar a súa formación para mellorar as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral.

Novos retos

O Vicerreitorado do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, coa colaboración e apoio do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), impulsa o programa Espazo Compartido co obxectivo de consolidalo na oferta de títulos. O propósito da Universidade da Coruña é estudar agora a viabilidade de integrar o programa no catálogo de títulos propios, de forma que se estabilice a súa presenza no ámbito universitario. A colaboración do Consello Social da UDC permitirá, en concreto, o desenvolvemento de accións de formación práctica dirixidas a titulados universitarios.

 

Comparte este artículo

Arquivos