O programa Espazo Compartido, impulsado polo Consello Social da Universidade da Coruña, a Fundación UDC (FUAC) e a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC, lanza no seu segundo ano un Programa de Primeiras Experiencias Laborais que permitirá ao alumnado ter unha experiencia profesional real en empresas. Trátase dunha formación práctica que persegue o obxectivo de aumentar as posibilidades de que o alumnado se incorpore nun futuro a un posto de traballo normalizado, como unha forma de contribuír á súa autonomía e á construción dun proxecto de vida propio.
Este programa, que conta co patrocinio do Banco Santander e a Fundación Universia, e coa colaboración da Asociación Down Coruña e a Universidade Andrés Bello de Chile, abrangue dous cursos académicos, cunha formación teórica previa nas aulas da Universidade da Coruña e a realización de prácticas en empresas no segundo cuadrimestre do segundo curso.
O Programa de Primeiras Experiencias Laborais formúlase como unha experiencia enriquecedora para as empresas que se sumen a esta iniciativa, como unha forma de reforzar as súas accións de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). A promoción social do acceso ao emprego ordinario das persoas con discapacidade, a sensibilización coa diversidade e a creación dun clima de tolerancia cara á diferencia encaixan plenamente coas políticas de RSE.
Espazo Compartido, cuxa primeira edición se puxo en marcha en setembro de 2013, conta con alumnado con discapacidade cognitiva con idades comprendidas entre os 19 e os 35 anos, que proceden de diferentes contornos e experiencias vitais, cun factor común, que é a súa motivación por acceder ao mercado laboral e conseguir unha maior autonomía na súa vida.
Máis información sobre Espazo Compartido