O equipo docente de Espazo Compartido, o programa da Universidade da Coruña de formación sociolaboral para persoas con discapacidade cognitiva, participa no I Congreso Nacional sobre o Emprego de Persoas con Discapacidade ‘Cara á plena inclusión laboral’, que se celebra hoxe e mañá en Granada.
O obxectivo da cita é realizar unha valoración crítica e exhaustiva da situación das persoas con discapacidade no ámbito laboral, tanto no emprego ordinario como no emprego protexido e identificar os retos de futuro que se aveciñan.
Eloy Calvo, docente do programa Espazo Compartido, é o encargado de presentar o programa promovido pola UDC de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mocidade con discapacidade cognitiva, dentro dunha lectura de comunicacións sobre boas prácticas.
Garantir o dereito ao traballo das persoas con discapacidade segue sendo unha materia pendente por parte das institucións públicas e privadas, a pesar dos importantes avances lexislativos e estratéxicos acadados nos últimos anos, o que provoca que este colectivo rexistre taxas de desemprego superiores ás da poboación sen discapacidade, así como taxas de actividade e emprego inferiores, ao que hai que sumar unha retribución comparativamente máis baixa nos postos de traballo.
Dentro das actividades programadas, expóñense investigacións que se están a realizar neste campo dende diferentes sectores, como a Universidade, sindicatos e administracións públicas, entidades do Terceiro Sector, e formúlanse propostas de mellora dende a óptica dos axentes implicados, como son a Administración, empresas, sindicatos e organizacións non gobernamentais.