Vostede fundou e dirixe o club de deportes electrónicos Movistar Riders e o próximo 17 de setembro contará a súa experiencia no primeiro taller práctico de Laboralia 2020, que organiza o Consello Social da Universidade da Coruña baixo o título “eSports e novas profesións”. Como xorde a idea de enfocar o seu traballo cara este eido?
Levo vinte anos no mundo do entretemento, tiven unha empresa de animación e videoxogos e posteriormente outra compañía de videoxogos online. Ademais, son xogador e programador de videoxogos desde os 15 anos. É un mundo que me apaixona desde sempre e hai uns anos, vendo o crecemento do fenómeno dos eSports, decidimos crear o noso propio equipo, xa que ía na liña do que fixen a maior parte da miña carreira profesional e coincidía coa miña paixón polos videoxogos.
Á vista dos últimos datos de facturación publicados -Movistar Riders factura arredor de 4 millóns de euros ao ano- semella non terse equivocado. A que é debida a boa marcha do sector?
O sector medra porque culturalmente os eSports, como produto de entretemento, son algo que ten moito que ver coa forma de consumir contido e os códigos audiovisuais da xente moza. Como consecuencia, as audiencias e o coñecemento do sector é maior cada ano e iso, globalmente, debe traducirse nun crecemento da industria.
Resulta inevitable obviar a situación sanitaria e económica pola que pasa o país, e o mundo, actualmente. Como está afectando ao sector dos eSports o COVID-19? Ten un impacto significativo nas audiencias?
O confinamento e a suspensión de moitos espectáculos en vivo, especialmente os deportes tradicionais, teñen dado pé a que moita máis xente entrara no mundo dos eSports e do gaming en xeral e consumira máis contido deste estilo. Isto provocou un crecemento das audiencias durante o lockdown. De todos modos, o impacto económico a nivel global vai ser grande e indubidablemente afectará tamén a este sector. Aínda que, sen dúbida, a natureza dixital e o potencial dos videoxogos dará certa ventaxa fronte a outros sectores máis tradicionais.
En maio de 2017 inauguraron en Madrid o primeiro centro de alto rendemento de deportes electrónicos de Europa, o Movistar eSports Center. Como é o día a día desta particular “cidade deportiva”?
O noso eSports center é un espazo de 1000 metros cadrados destinado, principalmente, á procura do máximo rendemento dos nosos xogadores con zonas habilitadas para as diferentes actividades: gaming room, miniestadio, zona de restaurante, etc… O día a día ten moitas referencias ao deporte tradicional: adestramentos, charlas tácticas, comida co equipo, gravación de contidos para sponsors, etc…
No mundo do deporte convencional é habitual falar sobre fichaxes de inverno e verán. Como se descubre a un profesional con talento no eido dos eSports?
Gústame dicir que o mundo dos eSports é un gran exemplo de transformación dixital xa que trasladouse o xogo do mundo real ao virtual e as plataformas tamén cambiaron dos medios tradicionais (TV, radio, etc.) aos dixitais (streaming). O cal tamén aplica á forma de traballar e descubrir talento, onde non é necesario desprazarse para atopar e contratar a calquera xogador porque todo pode facerse de xeito online: desde ver no propio xogo quen son os mellores ata o proceso de recruiting.
Que se atoparán os asistentes ao taller sobre “eSports e novas profesións” o próximo 17 de setembro?
Agardamos dar unha idea do que supón esta nova industria e que demanda presente e futura de profesións pode atoparse no sector. Trataremos de que os asistentes poidan identificar habilidades que teñan e sexan demandadas e tamén que poidan atopar un camiño profesional que responda a algunha das súas vocacións. En calquera caso, a nosa intención é que todo o mundo saia cun maior coñecemento do sector a nivel profesional.