Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e Fundación CEOE asinaron este venres un convenio de colaboración para poñer en marcha o Programa RADIA, que contén medidas de captación e formación de universitarias con discapacidade no ámbito tecnolóxico.
En concreto, o acordo subscribírono Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE; Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e da CCS, e Jose Alberto González-Ruiz, secretario xeral da CEOE, co obxectivo de incrementar o número de universitarias con discapacidade que traballan no área de tecnoloxía dixital das empresas.
Na súa intervención, Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE, puxo de manifesto “a necesidade de traballar de xeito colaborativo entre entidades sociais, empresas e universidades para poder minorar a fenda de xénero tanto no mundo universitario como mercado laboral. Desde a nosa creación fixamos entre os nosos obxectivos a promoción do talento das persoas con discapacidade, e neste sentido creemos que a incorporación de novas mulleres con discapacidade ao programa RADIA supoñerá un reflexo da composición da nosa sociedade”.
Pola súa banda, o presidente da CCS destacou que “España é un dos países europeos con menor porcentaxe de universitarios matriculados en áreas de coñecemento STEM (ciencias, tecnoloxías, enxeñerías e matemáticas) que, en principio, son as que van ofrecer mellor empregabilidade no futuro próximo. O problema agrávase pola brecha de xénero existente, xa que as mulleres, que representan o 55% dos estudantes nas nosas universidades, só son o 32% das matrículas nas disciplinas tecnolóxicas. Dado que a integración da discapacidade na universidade e no emprego é unha responsabilidade de toda a sociedade, cobra todo o sentido este programa”.
Finalmente, o secretario xeral de CEOE destacou o labor das empresas españolas no impulso do emprego para as persoas discapacitadas, partindo da formación “crave para o desenvolvemento profesional”. En concreto, José Alberto González-Ruiz quixo destacar o traballo que o tecido empresarial español leva realizando nos últimos meses por desenvolver os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030, entre os que están a redución das desigualdades e a igualdade de xénero.
Coa firma deste convenio, as tres entidades dan o pistoletazo de saída ao ‘Programa RADIA WOMEN’S DIGITAL INCLUSION’, denominado así en honra a Radia Pelman, a creadora dun dos protocolos de comunicación máis utilizados do mundo que fai que as redes funcionen correctamente, sexan estables, robustas e seguras.
O principal obxectivo de RADIA é favorecer a inserción de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital e ofrecer oportunidades ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos ámbitos tecnolóxicos.
Actualmente, só un de cada seis especialistas TIC incorporados ao mercado laboral son mulleres. Por iso débense favorecer máis programas de formación e emprego que inclúan a máis mulleres no sector dixital, recoñecendo tanto o valor das súas contribucións como o seu talento, algo esencial para construír unha sociedade dixital inclusiva, competitiva e dinámica.
Calendario
Desde esta perspectiva, RADIA establece unha serie de pasos encamiñados a aumentar o número de universitarias con discapacidade sentadas en postos de traballo baseados no manexo de tecnoloxía dixital.
Desta forma, o convenio fixa un calendario de accións que comeza co achegamento da tecnoloxía a un grupo de alumnas que cursen ou finalicen recentemente estudos universitarios de grado ou máster, a través dunha ducia de sesións informativas online e presenciais.
Posteriormente, as participantes terán a oportunidade de coñecer perfís profesionais de mulleres no ámbito tecnolóxico e nos seus contextos reais co acompañamento de mentoras.
Xa nunha segunda fase, cada participante elixirá unha mentora que lle irá orientando profesionalmente de forma mensual e que lle proporcionará referencias e axuda na súa área de interese.
Finalmente, o programa conclúe coa formación acelerada e a oferta de prácticas laborais en empresas a unha decena de estudantes acompañadas por mentoras.
O programa RADIA está liderado por Fundación ONCE, que seleccionará e becará ás participantes, e conta coa colaboración da CCS, encargada de promover a iniciativa entre as universidades, e da CEOE, que aportará empresas para as prácticas profesionais das alumnas.