A Cátedra Inditex-UDC aborda o investimento privado en biodiversidade

A Cátedra Inditex-UDC aborda o investimento privado en biodiversidade

John Tobin de la Puente, profesor de Sostibilidade Corporativa na Universidade de Cornell, impartirá a conferencia o 27 de maio na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña

A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade celebra unha nova sesión do seu ciclo En Código Aberto coa conferencia “Finanzas sostibles: o papel do investimento privado na biodiversidade”, impartida por John Tobin de la Puente, profesor de Sostibilidade Corporativa na Universidade de Cornell e referente internacional en sostibilidade corporativa, finanzas ambientais e conservación da biodiversidade.

A charla terá lugar o 27 de maio, ás 18:30 horas, na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña. A conferencia será de acceso libre previa inscrición e poderá seguirse tamén por streaming. Ademais, as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición e solicitar certificado de asistencia.

O reto de financiar a biodiversidade

A relación entre biodiversidade e estabilidade económica ocupa un lugar cada vez máis relevante na axenda internacional. A conservación dos ecosistemas esixe mobilizar recursos a unha escala que o financiamento público non pode asumir por si só, o que sitúa o capital privado ante un papel crecente na transición cara a modelos económicos máis sostibles.

Durante a conferencia, John Tobin de la Puente analizará como se están incorporando os criterios de biodiversidade ás decisións de investimento, que instrumentos financeiros están a emerxer neste ámbito e cal pode ser a contribución real do sector privado á protección dos ecosistemas.

Sobre John Tobin de la Puente

John Tobin de la Puente é profesor de Sostibilidade Corporativa na Universidade de Cornell, nos Estados Unidos. Conta cunha ampla traxectoria no ámbito financeiro e da sostibilidade corporativa. Antes de incorporarse ao campo académico, desenvolveu boa parte da súa carreira no sector financeiro, onde foi director Global de Sostibilidade en Credit Suisse.

O seu traballo céntrase no desenvolvemento de ferramentas financeiras orientadas á conservación da biodiversidade e ao desenvolvemento sostible, en colaboración con empresas, entidades bancarias e organizacións da sociedade civil.

Doutor en Bioloxía Organísmica e Evolutiva e titulado en Dereito pola Universidade de Harvard, combina formación científica e xurídica cunha extensa experiencia internacional en sostibilidade corporativa.

En Código Aberto

O ciclo de conferencias En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade, creada en 2010 a partir do acordo de colaboración entre Inditex e a Universidade da Coruña para o fomento da responsabilidade social universitaria.

A coordinación desta iniciativa corresponde ao Consello Social da UDC, como órgano de participación da sociedade na universidade.

Comparte este artículo

Arquivos