O alumnado da cuarta edición de AddVenture, o programa universitario de emprendemento e innovación impulsado polo Consello Social da Universidade da Coruña e o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con TeamLabs, visitou esta semana a sede central de Inditex en Arteixo.
A actividade permitiu ás persoas participantes coñecer de preto o funcionamento dunha das compañías líderes mundiais en distribución de moda e referente global en xestión de produto, marca, operacións, loxística, ecommerce e experiencia de cliente. Durante o percorrido, o grupo achegouse a diferentes áreas de traballo vinculadas a Zara Man, Zara Woman, visual e fotografía, ecommerce ou as tendas piloto, ademais de coñecer a historia da compañía, a evolución das súas instalacións e algúns dos elementos que marcaron o seu crecemento.
Desde AddVenture queremos agradecer a Inditex a oportunidade de realizar esta visita e, de maneira especial, ao seu departamento de Comunicación, polo recibimento, as atencións e o coidado co que preparou o percorrido. As súas explicacións permitiron ao alumnado comprender mellor a dimensión, a cultura de traballo e a capacidade de adaptación dunha compañía referente a escala global.
A visita enmárcase na primeira fase de desenvolvemento de AddVenture, tras o Hackathon inicial e as primeiras sesións formativas do programa. Nestas primeiras semanas, o alumnado traballou sobre contidos clave como a investigación con usuarios con intelixencia artificial, o enfoque Job to be Done, a estratexia de produto e operacións, e a metodoloxía Blue Ocean Strategy, ademais de participar nas primeiras titorías de acompañamento.
Este primeiro tramo do programa permitiu aos equipos ordenar as súas ideas, revisar hipóteses, analizar con maior profundidade o problema que queren resolver e avanzar na definición de propostas de valor máis claras e conectadas con necesidades reais do mercado.