O Consello Social impulsa o Foro Ardora para explorar novas oportunidades de innovación alimentaria en Galicia

O Consello Social impulsa o Foro Ardora para explorar novas oportunidades de innovación alimentaria en Galicia

O Consello Social da Universidade da Coruña impulsa o Foro Ardora, unha iniciativa concibida para analizar as oportunidades que a innovación e o emprendemento poden abrir no sector alimentario galego e favorecer a conexión entre coñecemento, empresa e territorio.

Desenvolvido en colaboración con GOe – Gastronomy Open Ecosystem, do Basque Culinary Center, o foro parte do potencial de Galicia como territorio estreitamente vinculado á alimentación, cunha sólida tradición agroalimentaria, importantes recursos mariños e agrarios, unha industria transformadora consolidada e capacidades científicas e tecnolóxicas con posibilidades de aplicación ao sector.

Foro Ardora busca poñer en contacto esas fortalezas e distintas perspectivas do ecosistema para identificar oportunidades, analizar os retos que afronta a cadea de valor alimentaria e explorar posibles vías de colaboración e apoio a novos proxectos.

Como primeiro paso, o foro reunirá unha selección de representantes de empresas agroalimentarias, emprendemento FoodTech, universidades e centros tecnolóxicos, institucións, sectores vinculados ao mar e ao territorio e investimento. A través dunha sesión participativa de diagnóstico traballarase nunha primeira visión compartida sobre as fortalezas do ecosistema galego, as súas necesidades e as posibilidades de desenvolvemento de novas iniciativas.

Unha conferencia aberta sobre o futuro da alimentación

Esta primeira fase do Foro Ardora culminará o 24 de novembro, ás 16.30 horas, no Club Cámara Noroeste da Coruña, cunha xornada aberta ao público que incluirá a conferencia ‘Como pode Galicia transformar o seu potencial agroalimentario: innovación e emprendemento’, a cargo de Asier Alea, director de Global Development do Basque Culinary Center.

A sesión abordará os retos que afronta actualmente o sector alimentario, as oportunidades que abre a innovación FoodTech e as posibilidades de converter os recursos, o coñecemento e o talento existentes en Galicia en novas vantaxes competitivas.

Asier Alea conta cunha ampla traxectoria internacional en estratexia, desenvolvemento económico e promoción empresarial. Desde 2020 dirixe a área de Global Development do Basque Culinary Center, desde a que participa na expansión internacional da institución e no desenvolvemento de GOe, un ecosistema que conecta coñecemento, empresa e emprendemento para impulsar a innovación en alimentación e gastronomía.

A conferencia está dirixida a profesionais, empresas, persoal investigador, persoas emprendedoras e, en xeral, a todas as persoas interesadas na innovación alimentaria e nas oportunidades de futuro do sector en Galicia.

A asistencia é gratuíta, con inscrición previa, e o aforo está limitado a 160 persoas. Inscrición aquí: Foro Ardora – Galician Foodtech Lab

 

Datos da xornada

24 de novembro de 2026
16.30 horas
Club Cámara Noroeste
Paseo Marítimo Alcalde Francisco Vázquez, s/n, O Parrote, A Coruña

Inscrición gratuíta previa

Comparte este artículo

Arquivos