O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, foi nomeado Presidente Honorario da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS). A Asemblea Xeral da CCS aprobou esta distinción o pasado 5 de xuño tras a proposta unánime do Comité Executivo, en recoñecemento aos oito anos nos que estivo á fronte da organización e á súa contribución ao fortalecemento dos consellos sociais.
Durante esa etapa, a CCS reforzou a súa presenza institucional, ampliou a súa interlocución cos poderes públicos e cos principais axentes do sistema universitario e proxectou a súa actividade tanto no ámbito nacional como no internacional. A proposta aprobada destaca tamén o impulso dado neses anos a distintas iniciativas orientadas a fortalecer o papel dos consellos sociais, mellorar a conexión entre universidade e sociedade e contribuír ao debate sobre o futuro da educación superior en España.
O nomeamento ten unha significación especial para o Consello Social da UDC, ao poñer en valor o labor desenvolvido polo seu presidente no principal espazo de representación estatal dos consellos sociais. Máis alá da dimensión persoal, subliña unha maneira de entender estas institucións como ponte entre a universidade e a sociedade e como canle de relación co tecido económico e social.
A Presidencia Honoraria ten carácter exclusivamente honorífico e non implica funcións executivas nin de goberno dentro da asociación. O presidente do Consello Social da UDC seguirá vinculado á CCS desde unha posición de apoio institucional, asesoramento e colaboración.