O próximo taller de HumanIA UDC descubrirá aos asistentes que perfís profesionais, habilidades e ramas do ámbito das Humanidades son fundamentais para o desenvolvemento da Intelixencia artificial. A experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, explicará en detalle as claves da cooperación entre perfís profesionais diversos e por que é fundamental a súa interacción para o futuro e presente da IA.
Baixo o título ‘Perfís profesionais: Humanidades e IA’, Aranda impartirá este cuarto taller do ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).
A xornada será presencial e terá lugar o martes 23 de abril, ás 17.30 horas, na Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (CITIC), situado no campus de Elviña da Universidade da Coruña.
Podes reservar a túa praza a través da seguinte ligazón: Perfís profesionais: humanidades e IA – HumanIA UDC
Esta nova formación pretende profundar na maneira na que debemos enfrontar os retos sociais, éticos, laborais e educativos que entraña a Intelixencia artificial na sociedade. Ademais, incidirá na necesaria cooperación dos diferentes perfís profesionais e persoais para que sexa xusta e inclusiva.
A cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, Cristina Aranda, trasladará de maneira práctica como abordar as regulacións e os códigos éticos específicos que conleva esta tecnoloxía e nos que resulta clave a colaboración de perfís profesionais diversos en identidade, formación e experiencia.
Máis de 400 persoas asistiron de maneira presencial aos talleres prácticos de HumanIA nos que se abordaron desde a regulación da Intelixencia artificial, a casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións e a maneira de impulsar a creatividade con esta nova tecnoloxía en profesións artísticas ou relacionadas coa comunicación audiovisual, musical e de márketing. Inicio – HumanIA UDC
‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial’, lanzado no pasado mes de setembro, ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia artificial nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.