HumanIA UDC: novo ciclo de talleres formativos sobre Intelixencia Artificial e Humanidades

HumanIA UDC: novo ciclo de talleres formativos sobre Intelixencia Artificial e Humanidades

O Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC organizan, en colaboración co Centro de Investigación CITIC, o ciclo de talleres formativos ‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial’.

HumanIA UDC xorde como un espazo de aprendizaxe no que a comunidade universitaria e os profesionais de diversas disciplinas poidan descubrir como a Intelixencia artificial (IA) está a transformar o panorama e os postos de traballo relacionados coas Humanidades.

O obxectivo destes talleres e conferencias maxistrais é promover un diálogo valioso que desafie as fronteiras tradicionais e mostre novas formas de comprender a arte, a cultura, a historia e a linguaxe coa asistencia da tecnoloxía máis vangardista.

Xornadas presenciais de HumanIA no CITIC

As xornadas desenvolveranse en formato presencial, en horario de tarde e impartiranse por expertos en IA vinculados ás diferentes ramas humanísticas. Os primeiros talleres formativos levaranse a cabo os días 28 de setembro e 9 de novembro na sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (CITIC), situado no campus de Elviña da Universidade da Coruña.

O prazo de inscrición está aberto. Toda a información dos talleres irase actualizando na páxina web do ciclo: humaniaudc.com

Taller inaugural versará sobre regulación da IA

O primeiro dos talleres centrarase na regulación da Intelixencia Artificial e será impartido Borja Adsuara, experto en dereito, estratexia e comunicación. Baixo o título ‘Como se debe regular a Intelixencia artificial?’, profundará nos aspectos xurídicos a ter en conta como son o dereito á propiedade intelectual, dereitos de imaxe, usos de alto risco e usos prohibidos, entre outros.

A revolución da Intelixencia Artificial está a transformar a forma en que operamos e debemos adaptar o noso sistema de principios e normas en base a esta innovadora tecnoloxía. Todo iso supón novos retos e oportunidades para os profesionais das ciencias sociais, o dereito e a arte aos que está dirixido este taller no que tamén se abordarán as saídas laborais relacionadas cos aspectos legais, normativos e éticos que supón o uso da IA.

Este taller presencial celebrarase o xoves 28 de setembro no CITIC (Campus de Elviña, A Coruña) e conta con prazas limitadas.

Podes reservar a túa praza a través da seguinte ligazón: Taller formativo- ‘Como se debe regular a Intelixencia artificial? -HumanIA UDC

Casos de uso no mercado laboral

As ferramentas de Intelixencia Artificial como ChatGPT, GPT-4, BERT e DALL·E-2 están a tomar un gran protagonismo. O segundo taller formativo de HumanIA UDC, titulado Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral’, mostrará aos asistentes a como poder aplicar a IA nas diferentes profesións a través de exemplos reais e as ferramentas máis utilizadas.

Doutra banda, coñecerán cal é o impacto real no mercado laboral. A emerxencia destas tecnoloxías impulsou a demanda de expertos en IA e este aspecto pon sobre a mesa a necesidade de adaptación e formación continua a profesionais de sectores relacionados coas humanidades e as ciencias sociais.

Paul Van Branteghem, experto en Intelixencia Artificial e cofundador de Spain-IA, impartirá este taller previsto para o día 9 de novembro no CITIC (Campus de Elviña, A Coruña).

Podes reservar a túa praza a través da seguinte ligazón: Taller formativo- ‘Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral’- HumanIA UDC

 

Comparte este artículo

Arquivos