HumanIA UDC ponse en marcha con éxito de participación no seu primeiro taller

HumanIA UDC ponse en marcha con éxito de participación no seu primeiro taller

O ciclo de talleres ‘HumanIA UDC: Desafíos para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial’ comezou a súa actividade con éxito de participación na súa primeira xornada formativa na que contou con máis de 100 asistentes. O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, inaugurou este ciclo, organizado polo propio Consello Social en colaboración coa Facultade de Humanidades e Documentación e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), ao que cualificou como “esencial posto que as disciplinas humanísticas, como a filosofía, a historia, a literatura e a arte, están a beneficiarse da IA de maneiras sorprendentes”.   

No acto de benvida tamén interviñeron o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Padro; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela Santos Pita; e o director do CITIC, Manuel González Penedo.  

Intelixencia artificial como forza disruptiva  

 O obxectivo de HumanIA UDC, indicou o presidente do Consello Social, é “proporcionar un espazo para o diálogo crítico e a reflexión sobre o impacto da IA nas nosas vidas e nas disciplinas humanísticas”. Asegurou que a IA é unha forza disruptiva que está chamada tamén a transformar as nosas universidades e a revolucionar o ensino, pero tamén insistiu no que non deben perderse de vista os retos éticos que expón, en aspectos como a seguridade e a privacidade dos datos ou os dereitos de autor.   

Ademais, sinalou, da preocupación sobre o emprego e como equilibrar a automatización e a interacción humana. “En definitiva, debe levarnos a expornos cal é o papel das humanidades no desenvolvemento da Intelixencia Artificial”, subliñou.  

HumanIA UDC: Borja Adsuara e a regulación da IA  

O taller formativo Como se debe regular a Intelixencia artificial?, impartido por Borja Adsuara, experto en dereito, estratexia e comunicación, xerou moito interese dentro e fóra da comunidade universitaria. A Sala Cloud do CITIC rexistrou un cheo absoluto de asistencia, cunha ampla presenza de estudantes da UDC, profesores e representantes de empresas da cidade.    

Adsuara profundou, a través de exemplos prácticos, nos aspectos xurídicos que se deben ter en conta para garantir un correcto uso da Intelixencia artificial (IA) e realizou un repaso polas normativas que se están preparando a nivel europeo e español. Indicou que España está a liderar este aspecto no continente a modo de proba.  

O seguinte taller de HumanIA UDC terá lugar o 9 de novembro, ás 17.30 horas, na Sala Cloud do CITIC e estará impartido por Paul Van Branteghem, baixo o título ‘Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral’ no que abordará as aplicacións da Intelixencia artificial en sectores relacionados coas humanidades e as ciencias sociais.   

 Inscribir na seguinte ligazón: https://humaniaudc.com/chatgpt-aplicaciones-uso-mercado/ 

Comparte este artículo

Arquivos