Inditex e a UDC colaborarán para impulsar accións de Responsabilidade Social
firma-convenioUDC-Inditex

O vicepresidente de Inditex, Pablo Isla, e o reitor da UDC, José María Barja, asinaron hoxe un acordo de colaboración para o desenvolvemento de actividades dirixidas á implantación dun modelo de Responsabilidade Social Universitaria.

O acordo ten por obxecto o impulso do posicionamento estratéxico da UDC mediante a realización de actividades vinculadas á Responsabilidade Social, na que contará coa experiencia acumulada por Inditex neste ámbito.

As actuacións previstas inclúen A realización de estudos e investigacións; a organización de actividades de formación e de foros de encontro de expertos; o intercambio de información, coñecemento e experiencias; ou o establecemento de convenios con outras universidades, institucións ou empresas; así como a posta en marcha de programas concretos de acción social e sustentabilidade ambiental.

O Consello Social da UDC, na súa calidade de órgano de participación da Sociedade na Universidade, será o encargado de coordinar as devanditas actuacións, facendo efectivo o compromiso mostrado no seu Plan de Actuacións co estudo e desenvolvemento dun modelo de Responsabilidade Social Universitaria da institución.

Tanto Inditex como a UDC coinciden en destacar a especial significación e relevancia estratéxica que a Responsabilidade Social Corporativa ten tanto para o mundo empresarial e social, en xeral, como, en particular, para o ámbito universitario. A UDC quere profundar nesta estratexia mediante o desenvolvemento dun modelo propio de Responsabilidade Social que avance na súa política de transparencia, xestión participativa, valores éticos e compromiso social e ambiental.

Comparte este artículo