A xornada ‘Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e Retorno’ converterase os próximos 21 e 22 de febreiro nunha cita ineludible para o sector empresarial, o ámbito científico universitario e a contorna inversionista galega.
A sociedade de capital risco Unirisco e a sociedade xestora de entidades de investimento colectivo Noso Capital, organizadoras desta segunda edición, reunirán no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a máis de 50 panelistas e expertos do sector público e privado. Estarán presentes representantes de 9 universidades españolas e europeas e voceiras dos ecosistemas de ciencia e tecnoloxía e investimento de Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Murcia e País Vasco.
O obxectivo deste evento é o impulso do investimento en transferencia do coñecemento e proxectos disruptivos, ademais de poñer en valor a súa relevancia para o desenvolvemento social e económico. A directora de Unirisco e membro do Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña, Inmaculada Rodríguez, destaca que este encontro de todo o ecosistema español de investimento e transferencia de coñecemento é fundamental para trasladar casos de éxito e compartir experiencias. “Son investimentos que crean ecosistemas e contribúen a facer país”, sinala.
O Consello Social da Universidade da Coruña considera imprescindible reforzar a colaboración público-privada para lograr un verdadeiro impulso da transferencia de coñecemento da universidade á empresa e viceversa, polo que considera moi positivo a celebración deste tipo de encontros nos que se fomenta a interacción, o networking e a exposición de casos reais.
A primeira xornada centrarase no ámbito investidor. Entre os temas que se abordarán atópase unha análise do contexto económico do ecosistema investidor español, un portfolio e explicación dos fondos de investimento públicos e privados e os aspectos para mellorar para a transferencia de tecnoloxía. Ademais, presentarase o ecosistema revelación do pasado ano 2023 e 4 proxectos innovadores.
A segundo será unha xornada de portas abertas á sociedade na que se profundará nas tecnoloxías disruptivas, novas maneiras de investir, experiencias que xeran valor e axudan a organizacións a alcanzar metas, o sistema fiscal no ámbito do emprendemento e outros casos de éxito. O evento finalizará coa entrega dos primeiros premios Investir en ciencia é rendible que destaca tres categorías: innovación, ecosistema e start up.
A inscrición para asistir permanece aberta nesta ligazón: Invertir en Ciencia SÍ es rentable (nevent.es)