Xornada no Senado sobre excelencia universitaria

Xornada no Senado sobre excelencia universitaria

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña participou onte na xornada ‘A educación, a empregabilidade e o emprendemento xuvenil en España: Situación actual e principais retos’, que tivo lugar no Senado (Madrid), para debater sobre a situación destes temas no noso país. O encontro celébrase no marco do IX Foro de Economía do Centro de Estudios de Políticas Públicas y de Gobierno de la Universidad de Alcalá (CEPPYG), no que se analizarán os cambios profundos que experimentou a economía española e mundial nos últimos anos. Así, abórdase tamén como esta transformación implicou a aceptación de novos retos por parte do tecido empresarial e a economía do noso país. Neste contexto, algunhas compañías demostraron a súa capacidade de adaptación e transformación, de tal forma que as empresas máis innovadoras e diversificadas volveron competir globalmente.

Antonio Abril, no seu relatorio ‘A excelencia universitaria e a mellora da transferencia de resultados universidade-empresa, retos inaprazables da nosa sociedade’, destacou que “o talento das persoas é o verdadeiro motor do desenvolvemento económico e social e que a suma agregada deses talentos organizados representa a capacidade dun país para xerar emprego e riqueza”.

Ademais, sinalou a abundancia de informes que analizan o sistema universitario español que “son moitos e moi críticos”, pero destacou que non se toman medidas para arranxar os seus problemas de transferencia do coñecemento, os de financiamento e os de gobernabilidade. “Necesitamos universidades públicas excelentes e o camiño máis directo é un pacto de Estado que aborde con realismo, valentía, xenerosidade e grandeza de miras a reforma da súa xestión e o seu financiamento”, explicou o presidente do Consello Social da UDC.

Nos mesmos termos pronunciouse con anterioridade José Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España, durante a súa intervención: “España necesita un pacto que garanta un marco educativo estable, con dotación adecuada, orientado cara á excelencia e en estreita conexión co tecido empresarial”.

O Centro de Estudos de Políticas Públicas e Goberno é o primeiro centro de España dependente dunha universidade pública que pon a disposición dos responsables de aplicar as políticas públicas, e outras persoas interesadas nas mesmas, un foro de reflexión e achegamento ás novas correntes de pensamento, ao desenvolvemento de políticas comparadas e á resolución dos problemas dos países da nosa contorna, centrándose en achegar os instrumentos necesarios para a toma de decisións dos gobernantes, organizacións e partidos políticos, chegando a crear líderes duradeiros e fortemente comprometidos co servizo público á sociedade.

Comparte este artículo

Arquivos