Dez directivos e expertos de diferentes ámbitos, reunidos pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), analizaron hoxe en Xixón dende diferentes puntos de vista ‘O mundo que vén’. Os relatores, entre os que se atopaba Antonio Abril Abadín, amosáronse optimistas ante o que está por chegar e deron claves para aproveitar as oportunidades dun futuro no que se valorará o talento, no que a tecnoloxía seguirá movendo o mundo e no que a industria terá máis peso en Europa. Os tres primeiros asuntos abordados durante o encontro foron sobre educación e valores, os tres seguintes sobre os desafíos xeopolíticos e tecnolóxicos, e os catro últimos sobre a empresa.
Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, sinalou durante a súa intervención que o mellor investimento é o que se realiza en talento, xa que supón o verdadeiro motor económico e social. Destacou sobre as universidades españolas “a súa excelente función docente e a súa meritoria produción científica”, aínda que matiza que debe orientarse máis á “transferencia do coñecemento ao sector produtivo”. “A financiación das universidades vía transferencias e taxas debe aumentar para reducir o grao de dependencia do sector público”, subliñou Antonio Abril Abadín. “Necesitamos universidades públicas excelentes e o camiño máis directo é un pacto de Estado que aborde con realismo, valentía, xenerosidade e grandeza de miras a reforma da súa xestión e financiamento”, foi a conclusión coa que pechou a súa intervención.
Tamén participaron na xornada o psicólogo forense Javier Urra; o Padre Ángel, fundador de Mensaxeiros da Paz; o tenente coronel Francisco José Berenguer, analista do Instituto Español de Estudos Estratéxicos; Juan Manuel Navarro, director de Empresas e Institucións en Asturias de Vodafone; Carlos Barrabés, un dos pioneiros do comercio electrónico en España; María Teresa Mallada, presidenta de Hunosa; Adolfo Menéndez, presidente da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Aeronáutica e Espazo; Juan Manuel Rodríguez Coloma, director xeral de ILAS-Reny Picot e Javier Targhetta, conselleiro delegado de Atlantic Copper.