A Cátedra Inditex-UDC de RS aborda a colaboración entre empresas e ONG

A Cátedra Inditex-UDC de RS aborda a colaboración entre empresas e ONG

O papel das entidades privadas como actores sociais na loita contra a pobreza e o seu necesario compromiso cos dereitos humanos e as normas de sustentabilidade medioambiental centraron a sesión impartida esta mañá polo Director da Federación de Asociacións de Medicusmundi España, Félix Fuentenebro, no marco do Ciclo de Conferencias En Código Abierto, que organiza a Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social.

“A empresa forma parte da paisaxe”, comezou Fuentenebro, que explicou aos presentes no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da UDC que a relación entre as organización non gobernamentais e o tecido empresarial “non é unha foto fixa”. Neste sentido, continuou, “podes telas como aliadas ou traballar contra a súa forma de actuar, pero un mundo sen empresas non é real”.

“O que temos que facer as ONG é conseguir que [as empresas] contribúan ao desenvolvemento humano”, sinalou o Director da Federación de Asociacións de Medicusmundi España, que recoñeceu a importancia dos códigos de conducta “e as líñas vermellas” como vías para esixir “unha boa política de RSC”.

O Presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril, destacou a propósito da conferencia “o necesario compromiso da empresa coa sustentabilidade” e o valor engadido das organización do terceiro sector ao “fomentar a acción social” na razón de ser do tecido empresarial.

Tras felicitar á Dirección da Cátedra Inditex-UDC de RS “polo seu acerto ao elixir ao relator”, a Vicerreitora do Campus de Ferrol e de RS, Araceli Torres, fixo referencia ao coñecemento dunha entidade como Medicusmundi en materia de RSC “grazas ao seu traballo sobre o terreo”, que lle proporciona, apuntou, “unha visión directa dos criterios de RSC necesarios por parte das empresas”.

A Directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey, fixo fincapé, pola súa parte, na colaboración entre o sector público, o empresarial e o non lucrativo “como única vía posible para poder avanzar en sustentabilidade”. “As ONG de cooperación ao desenvolvemento son aliadas imprescindibles tanto das empresas como dos gobernos en materia de axuda humanitaria”, concluíu.

Comparte este artículo

Arquivos