A Cátedra Inditex-UDC de RS pon o broche de ouro á sétima edición do seu Curso de especialización

A Cátedra Inditex-UDC de RS pon o broche de ouro á sétima edición do seu Curso de especialización

A clausura da sétima edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) da Cátedra Inditex-UDC de RS contou coa participación do director de Better Work, Dan Rees, que protagonizou a terceira sesión do Ciclo de Conferencias En Código Abierto 2017/2018.

Trala conferencia “25 years of CSR in global supply chains. What have we learned and where do we go from here?”, os 25 recentemente egresados do CERIS tiveron, o pasado 25 de maio, a oportunidade de recoller os seus diplomas, que foron entregados polo presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín; a directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey García; e o propio conferenciante, Dan Rees.

Durante a súa intervención, Rees destacou o beneficio que a mellora das condicións laborais ten, non so para os empregados, senón tamén para as empresas. No seu repaso polo camiño da responsabilidade social corporativa na industria mundial, expuxo datos que indican en que dirección debemos continuar para conseguir mellores resultados, incluíndo a traballadores, compañías e gobernos. Rees terminou o seu discurso cunha serie de pautas de futuro para alcanzar un desenvolvemento máis inclusivo coa implicación de todos os axentes.

O presidente do Consello Social, encargado de presentar ao relator, fixo fincapé no papel de Better Work dentro da mellora das condicións de traballo a nivel mundial, debido á súa implicación e á súa filosofía de mellora continua; e tamén destacou a importancia do compliance dentro da industria mundial.

A directora da Cátedra, pola sía banda, lembrou aos 190 alumnos e alumnas que pasaron polas edicións anteriores do CERIS e trasladou o seu agradecemento e noraboa aos 25 recentemente egresados. Rey apuntou ademais o seu orgullo polo traballo realizado polos alumnos e declarou a sía esperanza no futuro impacto deste proxecto de innovación social.

Comparte este artículo

Arquivos