A Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade abre o prazo de preinscrición do CESIS

A Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade abre o prazo de preinscrición do CESIS

A Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade abre o prazo de preinscrición para o Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS), que será impartido entre os meses de xaneiro e maio de 2019. Os interesados en acceder a este título propio de posgrao, impartido pola Universidade da Coruña, poderán presentar a correspondente solicitude de preinscrición entre o 17 de setembro e o 31 de outubro de 2018 a través da páxina web www.catedrainditexudc.org.

A oitava edición deste Curso de especialización estreará a nova denominación do programa froito do convenio asinado entre Inditex e a Universidade da Coruña en 2010, segundo o cal ambas institucións apostaron pola implantación dun modelo de responsabilidade social universitaria.

A nova denominación tanto do curso como da propia Cátedra inclúe a palabra sustentabilidade en lugar de responsabilidade, un termo co que se pretende dar un paso máis tanto no pilar formativo e divulgativo da Cátedra coma na súa actividade investigadora.

O programa académico, que será desenvolvido ao longo de 625 horas lectivas de carácter presencial e non presencial, contará coa participación de máis dunha trintena de especialistas de recoñecido prestixio vinculados a empresas, institucións académicas, entidades non lucrativas e administracións públicas de proxección no eido nacional e internacional.

O plan de estudos do CESIS foi deseñado para poñer en valor, desde unha perspectiva eminentemente práctica, a experiencia do claustro docente e o talento dos 215 egresados que forman parte da rede alumni da Cátedra. Ao longo do curso, farase especial fincapé no estudo das iniciativas máis innovadoras en materia de sustentabilidade e responsabilidade e innovación social impulsadas por administracións públicas, empresas e entidades non lucrativas, coa finalidade de contribuír á xeración conxunta de valor económico, social e medioambiental”.

Os interesados en realizar o CESIS poden preinscribirse aquí.

Comparte este artículo

Arquivos