A Cátedra Inditex-UDC inaugura a sétima edición do CERIS

A Cátedra Inditex-UDC inaugura a sétima edición do CERIS

A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social celebra o próximo 1 de febreiro a inauguración da sétima edición do Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS) coa conferencia “Crise de refuxiados ou crise do sistema de protección internacional? O caso da UE e España no ano 2015”, que correrá a cargo do profesor do Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións e director da Cátedra de Refuxiados e Migrantes Forzosos da Universidade Pontificia de Comillas, Juan Iglesias Martínez.

O acto de apertura, que terá lugar ás 13.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da UDC emprazada no campus de Elviña, será presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril, e contará tamén coa participación da vicerreitora do Campus de Ferrol e de RS, Araceli Torres; o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo; e a directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey, que dará a benvida aos 25 alumnos e alumnas da que será a sétima promoción do CERIS.

Os interesados en asistir á conferencia deberán confirmar a súa asistencia antes do próximo 31 de xaneiro en www.catedrainditexudc.org. Máis información a través do teléfono 981 167 000 ext. 4407.

Que é a Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social?

A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social resulta do acordo de colaboración firmado en 2010 entre a Universidade da Coruña e Inditex. A súa misión é fomentar un espazo de reflexión comunitaria, formación académica, investigación aplicada e divulgación sobre a responsabilidade social das organizacións.
De entre os obxetivos alcanzados no marco da Cátedra Inditex-UDC de RS desde 2010, cabe destacar a publicación da Memoria de Responsabilidade Social da Universidade da Coruña, coordinada polo Consello Social e a Vicerreioría de RS da UDC; o Curso de Especialización en Responsabilidade e Innovación Social (CERIS); e a posta en marcha do Ciclo de Conferencias ‘En Código Abierto’. A Cátedra presta cobertura, ademais, ás coleccións do Consello Social da UDC en materia de RSC/RSU, Innovación e transferencia de coñecemento.

Edicións anteriores

Nos últimos sete anos, o ciclo de conferencias En Código Abierto, organizado pola Catedra Inditex-UDC de RS, logrou reunir na Coruña a prestixiosos profesionais e especialistas como Marta de la Cuesta, directora da Cátedra Telefónica de Responsabilidade Social Corporativa e Sustentabilidade da UNED; Alfred Vernis, profesor e director do Instituto de Innovación Social de ESADE; Ángel Carracedo, director do Instituto de Medicina Legal da USC; Antonio Garrigues, presidente de Garrigues Abogados e Asesores Tributarios; Víctor Viñuales, director da Fundación Ecología y Desarrollo; Joaquín González Muntadas, responsable de relacións institucionais e laborais RSC da Federación de Industrias Téxtil, Piel, Químicas y Afines (Fiteqa) do sindicato Comisións Obreiras (CC.OO); Joaquín Nieto, director da oficina da OIT para España; Sebastián Mora, secretario xeral da Confederación Cáritas Española; Alberto Durán, vicepresidente de Fundación ONCE; Kemal Özkan, secretario xeral adxunto de Industriall Global Union; Daniel Villanueva, director xeral de Entreculturas; Sebastián Royo, catedrático de Ciencia Política no Departamento de Goberno e vicerreitor da Suffolk University de Boston (EEUU); Peter McAllister, director de Ethical Trading Initiative; Esther Trujillo, experta en responsabilidade social e asesora de organizaciones e directivos; José Antonio Bastos, presidente de Médicos Sin Fronteras España; Christina Hajagos-Clausen, directora do sector do téxtil e confeción de IndustriALL Global Union; Cristóbal Colón Palasí, presidente da Fageda; Marco M. Muñoz, director da Oficina de Iniciativas Globales no MIT; e Isidor Boix Lluch, responsable de RSC na Secretaría Internacional de CC.OO. de Industria.

Comparte este artículo

Arquivos