A CCS e a CRUE impulsan unha declaración conxunta para pedir unha nova Lei Orgánica de Universidades

A CCS e a CRUE impulsan unha declaración conxunta para pedir unha nova Lei Orgánica de Universidades

O Congreso dos Deputados foi o lugar elixido para a lectura pública dun documento que pide que a Universidade constitúa unha prioridade do Goberno e a aprobación dunha nova Lei Orgánica de Universidades. Ao acto acudiron a presidenta do Congreso, Ana Pastor, así como representantes políticos e sociais. O texto, impulsado pola Conferencia de Consellos Sociais de Universidades (CCS) e a CRUE, conta co respaldo da Cámara de Comercio de España, CSIF, CEOE, CEPYME, CREUP, FeSP-UGT e FE CCOO.

No mesmo, analízase a aportación da Universidade ao progreso económico e social de España e destácase a necesidade de cambios para facer fronte á globalización e á nova economía do coñecemento. Os asinantes solicitan ás instancias políticas parlamentarias que sitúen a Universidade española como unha prioridade estratéxica da súa acción e promovan unha nova Lei Orgánica de Universidades que conte cun amplo consenso político e social plasmado nun gran Pacto de Estado.

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da CCS, Antonio Abril Abadín, destaca que este documento “supón a plasmación do que a Conferencia vén defendendo nos últimos anos: a necesidade de dotar á Universidade dun novo marco normativo axeitado para desenvolverse na actual contorna global e competitiva e ser quen de responder ás demandas reais da sociedade”.

Desde a CCS -que aglutina aos consellos sociais das universidades públicas e aos consellos e padroados das universidades privadas- insistiuse, nas distintas reunións mantidas con representantes públicos e institucións, na procura de consenso para que a Universidade constitúa unha prioridade do Goberno e conseguir, entre todos, que sexa verdadeiro motor do desenvolvemento económico e do benestar social. Este obxectivo apóiase en cinco eixos: sensibilizar á sociedade española sobre a transcendencia da educación en xeral e da Universidade en particular; impulsar a reforma estrutural do modelo de gobernanza universitaria; incrementar o financiamento público e privado das universidades; facilitar a terceira misión universitaria -a transferencia dos resultados do coñecemento e da investigación á sociedade- e mellorar a internacionalización da institución para así favorecer a empregabilidade dos estudantes a través da maior excelencia do sistema educativo e da cooperación público-privada.

Nesta ligazon pode consultar o texto completo do comunicado conxunto.

Comparte este artículo

Arquivos