A Conferencia de Consellos Sociais de Universidades (CCS), que aglutina aos consellos sociais das universidades públicas e aos consellos e padroados das universidades privadas, presentou o pasado venres en Madrid o libro “Incentivos fiscais ao mecenado e á investigación na Universidade”. No mesmo, analízase a situación actual do mecenado privado en España e se propoñen medidas concretas para consolidar un réxime fiscal atractivo para mellorar o financiamento privado das universidades.
No acto, no que interveo o presidente da CCS e do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, contou tamén coa presenza do secretario xeral de Universidades, José Manuel Pingarrón, e o vicepresidente adxunto da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), José María Sanz.
O traballo foi elaborado por un grupo de expertos coordinados por Víctor M. Sánchez Blázquez, da Universidade das Palmas de Gran Canaria, e do que formaron parte José Pedreira Menéndez, da Universidade de Oviedo; Isidoro Martín Dégano, da UNED; Alejandro Blázquez Godoy, da Universidade Rey Juan Carlos; José Manuel Pérez Lara, da Universidade de Granada; e José Ignacio Pérez de Albéniz, de Arpa Avogados-Consultores.
En España apenas se ten cultivado unha cultura filantrópica sostida no tempo e a maioría de universidades públicas tampouco contan con tradición en materia de captación de recursos privados. Aínda non hai cifras globais, un estudo de la CCS con datos de 19 institucións españolas cifra no 20% os fondos de orixe privado, fronte ao 40% de media europea. So un 7% proceden de donativos particulares ou transferencias de empresas.
Abril Abadín destacou que “na sociedade do coñecemento en que nos desenvolvemos resulta imprescindible posibilitar un mecenado activo ao servizo dos nosos grandes centros de produción de coñecemento e talento. A formación de capital humano e científico é unha inversión de futuro moi rendible, pero tan custosa de soster no día a día que, ademais dun financiamento público suficiente e estable, tamén require dun importante caudal de recursos privados que se sintan debidamente estimulados e recoñecidos pola súa contribución ao interese colectivo”.
O libro analiza a situación actual a partir da Lei 49/2002, de 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, e realiza un estudo comparado con outros países. Entre as propostas de actuación plantexa fomentar unidades nas universidades cuxa actividade de captación de fondos se dirixa ao sector privado ou ampliar a inclusión das universidades nas “actividades prioritarias de mecenado”.
A mellora do financiamento é un dos eixos que establece a CCS para conseguir que a universidade constitúa un verdadeiro motor do desenvolvemento económico e do benestar social, tal e como plasma o “Manifesto de Maspalomas”, aprobado na última Asemblea Xeral da Conferencia. Dirixido aos axentes universitarios, poderes públicos e sociedade en xeral, advirte do “grave risco que corremos como país de non acometer con urxencia estas imprescindibles reformas” para que a Educación Superior non se alonxe dos estándares europeos e mundiais na actual contorna competitiva. Xunto ao financiamento, cita como prioridades a reforma estrutural do actual modelo de xestión e de goberno, achegar máis universidade e empresa e mellorar a súa internacionalización.
Consulte aquí o texto incluído no prólogo do libro, asinado por Antonio Abril Abadín.