A dixitalización para a empregabilidade e o emprendemento centran o segundo taller de Laboralia 2020

A dixitalización para a empregabilidade e o emprendemento centran o segundo taller de Laboralia 2020

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS), Antonio Abril Abadín, inaugurou onte o segundo taller do programa Laboralia 2020. Baixo o título “O futuro é dixital ou non é”, a sesión, celebrada en formato online, contou coa participación do experto en innovación en contornas dixitais sostibles, Open Innovation Senior Ecosystem Builder en BBVA, Ignacio Villoch; e a directora de Talento Externo e Transformación en Insere Emprego (Fundación ONCE), Ana Pilar Cruz Boluda.

“O reto é importante e esixente, non se trata de renunciar á formación presencial, pero a COVID19 acelerou a transformación dixital do mundo e a Universidade non pode quedar atrás”, afirmou Abril Abadín durante a súa intervención, na cal destacou a importancia da dixitalización “ante os cambios drásticos que implica a revolución tecnolóxica” na que estamos inmersos.

Os relatores centraron o desenvolvemento do taller, de carácter eminentemente práctico, partindo do impacto da situación sociosanitaria xerada polo coronavirus en temas de innovación e emprendemento. “Non sempre podemos explicar o que pasa, pero si reaccionar ao que nos pasa”, apuntaron Villoch e Cruz Boluda en referencia á necesidade de especialización e de innovación tanto na procura de emprego como no emprendemento dun proxecto empresarial.

Programa Laboralia
Nos últimos anos, o programa Laboralia focalizouse en dar a coñecer as novas tendencias do mercado laboral marcadas polo progreso tecnolóxico e dixital da sociedade. Trátase dunha iniciativa dirixida a estudantes e mozas titulados, cuxo principal obxectivo é contribuír a mellorar a inserción laboral e fomentar a cultura emprendedora no ámbito universitario. Este ano a metodoloxía trasladouse a sesións por videoconferencia.

Comparte este artículo

Arquivos