O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da Conferencia de Consellos Sociais, Antonio Abril Abadín, participou esta mañá na mesa redonda organizada pola Cámara de España, o Foro de Marcas Renombradas Españolas e o diario El País, co apoio do Fondo Social Europeo.
Na xornada, inaugurada polo secretario de Estado de Educación e Formación Profesional, Alejandro Tiana, analizáronse temas como o desaxuste entre o sistema educativo e as necesidades das empresas, a súa incidencia no desemprego xuvenil, o panorama educativo español e a Formación Profesional Dual, ademais de abordar como afecta a transformación dixital ao sistema educativo.
Abril comenzou a súa intervención destacando a Formación Profesional, á que calificou como “a irmá da Universidade” significando que unha FP forte e ben considerada socialmente favorece a excelencia da universidade. Insistiu a continuación sobre o problema cultural da escasa valoración da educación en España e sobre a excesiva distancia que existe entre o sistema educativo e a sociedade, temas que afectan por igual á universidade e á FP. Tratou, por último, o tema da necesaria colaboración universidade/FP-Empresa como resorte necesario do desenvolvemento económico e do benestar social e, en concreto, da necesidade de adaptar formación profesional e titulacións universitarias ás necesidades do tecido produtivo, único xeito, ademais, de garantir a empregabilidade dos estudantes.
Durante a mesa redonda, o presidente do Consello Social citou datos do último “Informe da Fundación CyD sobre a contribución das universidades ao desenvolvemento económico e social”, referido ao ano 2017, para poñer de relevo o desequilibrio que existe en España entre universidade e FP e o desaxuste entre titulacións actuais e necesidades de emprego futuro: en 2017, o 37,1% do total de ocupados con titulación superior estaba desempeñando en España un posto de baixa cualificación e somos o décimo país da UE con menor proporción de graduados universitarios nas áreas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas) -22,4% fronte, por exemplo, ao 36,1% de Alemania- cando son as áreas con maiores perspectivas de crecemiento no futuro dado o avance da industria 4.0 e da economía dixital.
Xunto ao presidente do Consello Social, interviñeron na mesa redonda o viceconselleiro de Formación Profesional do Goberno do País Vasco, Jorge Arévalo; a directora de operacións de Telefónica Educación Dixital, Paloma Barba; o xerente de Integración Profesional e da Escola de Formadores do Centro Superior de Formación de Repsol, Salvador Lorenzo, e o vicepresidente de Relacións Gobernamentais e Institucionais de Seat e o Grupo Volkswagen en España e presidente da Comisión de Formación da Cámara de España, Ramón Paredes.