No marco do curso “Innovación na Administración pública” organizado pola UIMP Galicia, Carlos Aymerich, profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, afondará no bo goberno regulador. Falamos con el sobre os retos na xestión das administracións públicas e da UDC.
A súa intervención no curso xira ao redor da innovación e o bo goberno regulador. Como se conxugan os dous elementos?
A denominada “better” ou “smart regulation”, segundo adoptemos a terminoloxía da OCDE ou a da UE, inscríbese na política económica da oferta segundo a cal a redución da intervención pública –privatizando, desregulando ou adoptando formas de xestión privada nos servizos públicos– incrementa a oferta agregada e, dese modo, promove o crecemento económico. A teoría da “better regulation” viría dicir que a redución da regulación pública e, en todo caso que esa regulación pública se limite a facilitar o xogo das forzas do mercado, suporá un incremento da actividade económica e do emprego. Cuestión que, en calquera caso, está lonxe de ficar empiricamente demostrada. Non significa, por suposto, que non haxa elementos positivos na racionalización da actividade de regulación dos poderes públicos. Instrumentos como a avaliación dos proxectos normativos (impacto), a necesidade de explicar claramente cales son os obxectivos de interese público que con eles se trata de lograr, a aplicación dos principios de proporcionalidade e de eficiencia, a participación pública e a planificación desa actividade poden mellorar a calidade e a eficacia da regulación pública. Ese será, ao meu ver, o elemento realmente innovador no exercicio da potestade regulamentaria e da iniciativa lexislativa dos poderes públicos.
Cales cre que son os retos da xestión das administracións públicas?
No ámbito concreto da calidade regulatoria tomar en serio o que, refundindo lexislación anterior, establecen agora as leis 39 e 40/2015. Iso vai depender, por suposto, de que a xurisdición contencioso-administrativa considere que eses principios e trámites son condición de validez das normas e dos proxectos lexislativos.
Facer os procesos máis áxiles pasa por contar cunha Administración electrónica e a automatización?
A simplificación administrativa e a eliminación de cargas burocráticas innecesarias é un obxectivo de calquera iniciativa de modernización da Administración e, desde logo, a administración electrónica pode ser –de feito, xa está a ser– unha vía para lograr eses obxectivos. Con todo, desde o meu punto de vista, a eliminación de trámites debe preservar algo fundamental: a posibilidade de que no procedemento estean presentes e poidan contrastarse todos os intereses afectados.
Como profesor da UDC, que camiño cre que debe seguir a universidade como institución para adaptarse aos novos tempos?
Na UDC, e no conxunto do SUG a través do consorcio interuniversitario, estamos a traballar na modernización da xestión universitaria, aproveitando a extensión da administración electrónica para repensar e simplificar procedementos. Temos pendente, e como secretario xeral da UDC dicir isto é asumir o compromiso de facelo, aplicar os principios e os procedementos de calidade regulatoria á nosa actividade normativa.
Considera que a universidade precisa maior profesionalización? Cales serían os cambios para levalo a cabo?
A universidade precisa adaptar os requirimentos dos postos de traballo, tanto do PDI como do PAS, a unha contorna de innovación e cambio permanente. Isto require cambiar algunhas mentalidades e un labor permanente de capacitación e actualización do persoal administrativo e docente.