A innovación do MIT chega á UDC da man da Cátedra Inditex de RS

A innovación do MIT chega á UDC da man da Cátedra Inditex de RS

A segunda sesión do Ciclo de Conferencias ‘En Código Abierto’, organizado pola Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social, contou coa participación do director da Oficina de Iniciativas Globais no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Marco M. Muñoz, que impartiu a conferencia “Ecosistemas de Innovación no MIT”. O acto, que foi presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril, contou ademais coa participación do decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo, e a directora da Cátedra, Marta Rey.

“Mente e mans co obxectivo de resolver os grandes problemas da Humanidade”. Así describiu Marco M. Muñoz o MIT, que conta con investigadores premiados a nivel mundial e con máis de mil patentes no seu expediente que, tal e como lembrou, “seguen con nós porque queren dar co solución ao problema do cancro ou de enfermidades como o alzhéimer”.

Ante un Salón de Graos repleto, o director da Oficina de Iniciativas Globais da universidade estadounidense asegurou que “a única forma de estar á vanguarda no mundo é traballar na implementación coa industria”. Nesta mesma liña, tanto o reitor da UDC como o presidente do seu Consello Social coincidiron ao destacar a importancia do papel da Universidade no impulso da innovación para aportar valor ao mercado. Un impulso, engadiu o decano da Facultade de Economía e Empresa, que pode darse desde Galicia “facendo proxectos con incidencia a nivel global”.

A directora da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social, pola súa banda, recoñeceu o “verdadeiro honor” que supuxo para a Universidade contar coa participación de Muñoz no Ciclo de Conferencias ‘En Código Abierto’, xa que, asegurou, “o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts é, tamén, un modelo de responsabilidade social universitaria a seguir”.

“Temos a gran responsabilidade de preparar a forza laboral do novo presente, non podemos dicir ‘non’ á modernidade porque é imposible deter a transformación”, concluiu o ponente, en relación á coñecida como cuarto revolución industrial.

Comparte este artículo

Arquivos