La UDC acolle o acto oficial de apertura do curso 2015/2016

La UDC acolle o acto oficial de apertura do curso 2015/2016

O Sistema Universitario de Galicia (SUG) celebrou hoxe o acto oficial de apertura do curso 2015/2016 no Paraninfo da Universidade da Coruña (UDC). O evento contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto Barbeito; e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín.

No acto tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño Rey; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia; o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera; e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quixo referirse na súa intervención á universidade como “un servizo público que está en constante movemento” e quixo lanzar unha mensaxe optimista: “É tempo de estar ilusionado. Temos que ter orgullo das nosas universidades, polo seu labor formativo e investigador, pero sen caer na autosatisfacción”.

O plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia para o período 2016-2020 tamén tivo protagonismo no discurso de Román Rodríguez González. “Vimos de definir o novo plan ata 2020”, comentou o conselleiro, “baseado na cooperación e que atende as lexítimas reclamacións de maior financiamento. Garántese a suficiencia e un incremento dun 17% do financiamento público. É o maior esforzo inversor da historia. A Xunta quere a unión e colaboración intelixente das tres universidades públicas galegas”.

Pola súa parte, o reitor da Universidade da Coruña destacou a importancia da educación superior: “As universidades envórcanse na transmisión do saber, independentemente do seu valor económico. As universidades son un ben público, que proporciona coñecemento á sociedade”.

A situación económica das universidades galegas tamén tivo un oco na intervención de Xosé Luís Armesto Barbeito. “A universidade ten un problema de ingreso, non de gasto, que se ve continuamente recortado nos últimos anos. As universidades precisan do máximo apoio da sociedade e da administración pública”, explicou o reitor.

Unha conferencia sobre a evolución e o estado actual das ciencias da actividade física a cargo do profesor José Manuel Cardesín Villaverde, da facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC, abriu o acto de inauguración do curso.

Con motivo do inicio das clases, que darán comezo o vindeiro luns 7 de setembro e finalizarán o 13 de maio de 2016, a UDC estableceu un período de actividades de benvida para os novos universitarios de primeiro ano que abranguerá ata o 10 de setembro. Para o resto de cursos, as clases comezan o 8 de setembro.

 

Comparte este artículo

Arquivos