Elena Pazos Chantrero e José Antonio Cortés Vázquez foron seleccionados por unha comisión de expertos de entre un total de 122 solicitudes procedentes dunha veintena de países de Europa, Asia, África e América. Trátase da primeira convocatoria do programa froito do acordo entre a Universidade coruñesa e Inditex para captar e reter excelencia investigadora.
O reitor da UDC, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, foron os encargados de presentar aos dous investigadores que se incorporan á entidade académica. Ambos destacaron a “destacada traxectoria internacional” dos seleccionados e agradeceron á empresa textil “o seu apoio” ao programa.
Pazos Chantrero é unha investigadora especializada na procura de novas proteínas relacionadas co tratamento do cancro e de moléculas conectadas co desenvolvemento de enfermidades dexenerativas. Durante os próximos anos, unirase ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC para traballar no desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en Biomedicina.
Cortés Vázquez, pola súa banda, centrou as súas investigacións na análise da relación entre os seres humanos e o medio, desenvolvendo modelos de políticas de conservación ambiental na Europa post-crise. Co obxectivo de trasladar o seu proxecto ao caso concreto de Galicia, unirase ao equipo de profesionais da Facultade de Socioloxía.
Colaboración Universidade – Empresa
O programa InTalent complementa a liña de colaboración de apoio ao talento promovida pola Universidade e Inditex coas axudas para estancias predoctorais en universidades estranxeiras de referencia. Unha actuación que se suma á Cátedra de Responsabilidad Social creada en 2010 e pola que Julio Abalde reiterou o seu agradecemento tanto a Inditex como a Antonio Abril.