O programa Laboralia empezou a súa edición de 2020 cun monográfico adicado aos eSports, “una oportunidade importante para a empregabilidade da mocidade” segundo Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC, entidade promotora do programa.
Trátase dunha iniciativa de orientación laboral dirixida a estudantes e mozos titulados, cuxo principal obxectivo é contribuír a mellorar a inserción laboral e fomentar a cultura emprendedora no eido universitario. A través dunha metodoloxía práctica, Laboralia aporta formación e información útil para comprender as dinámicas do mercado laboral en xeral e da selección de persoal en particular. Este ano a metodoloxía trasladouse a sesións por videoconferencia.
“Nos consellos sociais sempre estamos moi pendentes das novas formas de empregabilidade e das industrias que precisan titulados universitarios. O desenvolvemento dos eSports foi exponencial desde os seus inicios. A nivel global moven 1,1 billóns de dólares e contan con 455 millóns de espectadores. En España trátase da primeira industria cultural e de ocio cunha facturación de 1.479 millóns de euros anuais”, explicou o presidente do Consello Social da UDC na inauguración da xornada.
O módulo docente de eSports foi impartido por Fernando Piquer, CEO de Movistar Riders e director do primeiro centro de alto rendemento de Europa para o desenvolvemento profesional de eSport; e por Mario Martínez Motroco, coach e streamer de eSports e exdirector de Movistar Riders Academy.
“A pesar das circunstancias actuais, estamos nun universo [o do eSports] que vai xerar multitude de oportunidades para a xente que intenta converter a súa paixón en algo profesional. Neste negocio sempre tratamos de evolucionar, adaptarnos, tomar aprendizaxes de outras contornas e levalas ao mundo dixital”, explicou Piquer.
Pola súa banda, Mario Martínez Motroco, destacou a importancia da especialización e a aprendizaxe continua para facer posibles profesións xeradas das necesidades que van xurdindo”. “Trátase de crear valor, adaptarse e formarse”, apuntou.
Nos últimos anos Laboralia focalizouse en dar a coñecer as novas tendencias do mercado laboral marcadas polo progreso tecnolóxico e dixital da sociedade. Nos próximos meses o programa desenvolverá novos talleres online.