O Consello Social da Universidade da Coruña organiza este próximo outono catro talleres formativos prácticos centrados na adquisición de novas competencias laborais e xeración de oportunidades de futuro dirixidos á comunidade universitaria e profesionais dos diferentes sectores.
O prazo de inscrición para cada un dos eventos de formación, que se impartirán o 5 de outubro, 20 de outubro, 3 de novembro e 10 de novembro, xa está aberto.
Esta axenda de actividades de outono desenvolverase en liña, en horario de tarde e será impartida por expertos e expertas en áreas de alta empregabilidade como a intelixencia artificial, creación de contido dixital, divulgación, finanzas sostibles, emprendemento e impacto social da actividade empresarial.
Dúas das catro xornadas formativas enmárcanse en Laboralia, o programa de formación en competencias profesionais e orientación nas novas tendencias do mercado laboral que desenvolve anualmente o Consello Social da UDC.
O primeiro dos talleres contará cos consellos do profesor en Intelixencia Artificial e novas tecnoloxías, Carlos Santana, tamén coñecido en redes sociais como DotCSV e ao que seguen máis de 600 000 subscritores. Baixo o título ‘Intelixencia Artificial: Como reciclarche en novas tecnoloxías e orientarche a novas profesións’ achegará coñecementos prácticos sobre as competencias necesarias e as ferramentas reorientar calquera carreira profesional e encaixar nun mercado de traballo que está a ser transformado por tecnoloxías como a Intelixencia Artificial.
Celebrarase o mércores 5 de novembro e podes inscribirche na seguinte ligazón: Taller formativo Inteligencia Artificial – Laboralia UDC
O segundo taller de Laboralia impartirase o xoves 3 de novembro e terá como protagonista a Sandra Ortonobes, comunicadora tamén recoñecida como La Hiperactina con máis de 1,1 millóns de seguidores en Youtube, Twitch, Tik Tok e Instagram. Comunicar de maneira efectiva é unha das competencias máis relevantes, potencia o desenvolvemento profesional e as saídas laborais. A divulgadora charlará cos asistentes sobre ferramentas e tips para un uso eficaz das redes sociais e os medios dixitais para crear contido e xerar comunidade relacionado con cada área profesional.
A inscrición está aberta nesta ligazón Taller formativo La Hiperactina – Laboralia UDC
O talento e o emprendemento galego terá un espazo moi importante en dúas das xornadas prácticas enmarcadas en AddVenture, programa de fomento do emprendemento e transformación dixital de microempresas.
‘Emprendementos que inspiran’ abordarán dous casos de éxito paradigmáticos na nosa comunidade como son Fogar do Santiso, compañía que abandera a sustentabilidade económica, ambiental e social, e Lázzaro, start up tecnolóxica que axuda á dixitalización de pemes, micropemes e terceiro sector.
O primeiro dos talleres de AddVenture desenvolverase o 20 de outubro e correrá a cargo de Víctor Lama, director financeiro de Grupo Fogar e emprendedor. Falará sobre como planificar o aspecto económico dos proxectos tendo en conta a sustentabilidade e de que maneira pode trasladarse esa experiencia a cada idea de negocio. Ademais, como emprendedor, Lama achegará consellos e visión para a posta en marcha e o desenvolvemento de proxectos en diferentes sectores.
A reserva de praza está dispoñible nesta ligazón Master Class Víctor Lama – AddVenture (addventureudc.com)
Pola súa banda, a cofundadora de Lázzaro, incluída na lista Forbes 30 under 30, Carlota Corzo, explicará o xoves 10 de novembro as claves para ter en conta e evitar na posta en marcha dun proxecto emprendedor a través da súa experiencia. Dunha maneira dinámica e práctica, incidirá nas ferramentas para impactar nos grupos de interese e como potenciar unha idea desde o punto de vista do impacto social.
A inscrición está aberta na seguinte ligazón Master Class Carlota Corzo – AddVenture (addventureudc.com)
A axenda formativa do Consello Social da UDC para os próximos meses está cargada de actividades. Este outono mellora as túas habilidades e impulsa o teu futuro laboral. Fórmate en competencias profesionais e emprendemento este outono co Consello Social.