As novas tendencias laborais que veñen da man da era da transformación dixital e a necesidade de adaptar as titulacións aos novos requerimentos das empresas foron o eixe central do peche de Laboralia Future Jobs Tools 2018, que celebrou esta mañá a súa clausura na Sede Afundación A Coruña. Este acto pon punto e final a esta nova edición deste programa formativo de cinco días de duración, impulsado polo Consello Social da Universidade da Coruña (UDC). Unha semana protagonizada por profesionais procedentes da ciberseguridade e da programación que achegaron os seus coñecementos e experiencias mediante conferencias e obradoiros. O acto de clausura de Laboralia Future Jobs Tools contou coa presenza de Antonio Abril Abadín, Presidente do Consello Social da UDC, e con Julio Abalde Alonso, Reitor da UDC.
Esta última xornada estivo marcada pola reflexión e o debate. Coa conclusión de que a universidade debe mirar cara ao futuro e adaptar as súas titulacións ás demandas do mercado, Antonio Abril Abadín valorou o traballo da UDC planificando titulacións novas, pero declarou que ás veces atopan dificultades: “Non o temos doado nas universidades públicas, porque as estruturas de xestión deben modernizarse”. Ademais centrouse na necesidade de adaptar a duración dos títulos formativos á velocidade coa que aparecen novidades nun mercado cada vez máis cambiante. “O coñecemento para profesionais debe repoñerse moi rápido e quizais non sexa óptimo facelo en titulacións de dous a catro anos”, declarou.
Julio Abalde Alonso, pola súa parte, destacou o nexo de unión inseparable entre a universidade e as empresas, e a necesidade de camiñar xuntos co mesmo obxectivo: “As empresas pídennos cousas e temos que transferir talento á sociedade que nos rodea”. Tamén destacou a presenza nas universidades de profesionais que teñen que actualizar os seus coñecementos mediante formación especializada: “A universidade debe satisfacer as necesidades de formación de profesionais que deben compatibilizala cos seus traballos. Sen olvidar a formación completa de graos e mestrados, por suposto”.