Laboralia pecha esta edición destacando a creatividad como a capacidade máis demandada

Laboralia pecha esta edición destacando a creatividad como a capacidade máis demandada

Laboralia 2021, organizada polo Consello Social da Universidade da Coruña, conclúe hoxe as súas xornadas ‘Formación e Emprego na era do dato’ remarcando a necesidade de aliñar os obxectivos de empresas e candidatos e a importancia de adquirir de forma continua novas capacidades para mellorar a empregabilidade. Os expertos participantes destacaron a creatividade como a habilidade branda máis valorada e demandada polas organizacións nos vindeiros anos.

Este evento, desenvolto en formato híbrido, conmemora os dez anos desde que o Consello Social da UDC asumiu a dirección deste programa de formación profesional e orientación laboral dirixido a estudantes e graduados universitarios.

Laboralia 2021 estivo centrada no Data Analytics, un dos piares da revolución dixital que está a cambiar de maneira profunda os procesos e toma de decisións de todos os sectores económicos e sociais e, polo tanto, o mercado e o futuro do emprego. Durante dous días, os asistentes puideron explorar as posibilidades da análise de datos no desenvolvemento e a orientación formativa, a selección e a xestión do talento, e as competencias e perfís máis demandados dentro das empresas na actualidade.


Cambios no panorama do recrutamento

Nos relatorios e mesas redondas desta segunda xornada, os sistemas de ‘People Analytics’ nas empresas e procesos de selección e a identificación do talento a través dos datos foron os protagonistas. “Avanzamos cara a un modelo de recrutamento no que os algoritmos aúnan as capacidades que necesitan as empresas, co modelo de xestión que buscan os candidatos”, sinalou Guillermo Vallejo, CEO de jobs301.com. Para este especialista, a importancia recae en aliñar os obxectivos de ambos, evitando así os elevados custos de captación. Actualmente, xa existen plataformas de emprego ás que poden recorrer empresas e candidatos, que mediante Intelixencia Artificial teñen en conta eses dous aspectos.

Pola súa banda, Victoriano Izquierdo, CEO de Graphext, explicou o funcionamento de plataformas focalizadas na retención de talento, mediante a análise dun conxunto de variables, que ofrecen unha imaxe global da situación dos empregados.

Fomentar a aprendizaxe permanente

Na segunda mesa redonda desta mañá, Santiago García e Rafa Díaz, cofundador e socio de Future for Work Institute, respectivamente, puxeron o foco no reskilling, a reciclaxe continua de coñecementos e a adquisición de novas habilidades. Ambos consideran que existen unha serie de capacidades duradeiras que son fundamentais para manter a empregabilidade ao longo do tempo. Entre elas a resiliencia, a creatividade, a curiosidade, o autocoñecemento epensamento crítico.

“As empresas requiren un profesional completo, cun perfil híbrido que conte con capacidades brandas e duras. Por exemplo, un programador sen habilidades e pensamento creativo émenos atractivo para as empresas”, reflexionou Rafa Díaz.

O cofundador de Future for Work Institute destacou, ao mesmo tempo, que para 2030 as empresas demandarán máis profesionais procedentes de FP de Grao Medio e Superior, ou ben graduados especializados nalgunha rama concreta.


Fitos dunha década de Laboralia

Laboralia pechou a súa edición máis especial cun repaso aos principais fitos alcanzados ao longo destes dez anos de traxectoria e traballo pola empregabilidade dos estudantes e graduados universitarios. A través dunha década de obradoiros, relatorios e mesas redondas, o programa de formación en competencias profesionais e orientación laboral, organizado polo Consello Social da UDC, contribuíu á mellora da inserción laboral de máis de 3000 alumnas e alumnos.

Máis de 130 profesionais de diferentes sectores achegaron os seus coñecementos ao longo de máis de 160 horas formativas para impulsar aos perfís profesionais dos participantes nas actividades do programa e trasladando as claves para acceder ao mercado de traballo con garantías.


Comparte este artículo

Arquivos