O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña aprobou, na súa sesión do 23 de novembro, a modificación do Mestrado Universitario en Acuicultura e do Programa Oficial de Doutoramento DO*MAR Marine Science, Technology and Management.
Tras escoitar o informe do presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, o Pleno aprobou a asignación dos complementos autonómicos ao recoñecemento polos cargos de xestión e pola excelencia curricular a profesores da UDC. Ademais, durante a sesión plenaria tamén foi aprobada a contratación da auditoría para exame das contas correspondentes ao exercicio 2017 e escoitouse o informe da Universidade sobre os convenios aprobados en Consello de Goberno.
Visita ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas
Logo da sesión plenaria, os membros do Consello Social realizaron unha visita institucional ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas do Campus de Ferrol.
O obxectivo da visita foi proxectar publicamente os obxectivos acadados no marco do proceso de modernización do Campus de Ferrol impulsado pola Universidade e as actividades de investigación e transferencia desenvolvidas polo Centro de Investigacións Tecnolóxicas da UDC. Á súa chegada ao CIT, o Pleno do Consello Social, presidido por Antonio Abril Abadín, foi recibido pola vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, e polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández.
A visita técnica ás instalacións do CIT foi dirixida pola coordinadora do centro e profesora contratada doutora do Departamento de Enxeñaría Naval e Industrial da UDC, Anne Gosset. Ao longo da mesma, interviñeron o responsable do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser e director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez; o responsable do Canal de Ensaios do CIT, Vicente Díaz Casás; e o responsable do Laboratorio de Mecánica de Fluídos, Marcos Lema Rodríguez.