Manuel Pizarro foi proclamado novo presidente da Conferencia de Consellos Sociais de Universidades Españolas (CCS) nunha Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada en Madrid. Pizarro, á fronte do Consello Social da Universidade Autónoma de Madrid, substitúe a Joaquín Moya-Angeler, que deixa de xeito voluntario o cargo que ocupou dende 2014 despois de cumprir 20 anos como presidente do Consello Social da Universidade de Almería. Tamén entra a formar parte do Comité Executivo da CCS Ladislao Azcona, presidente do Consello Social da Universidade de Oviedo.
Pizarro asegurou que vai continuar as liñas mestras do seu antecesor, impulsando a reforma do goberno corporativo da Universidade. “O coñecemento non é monopolio de ninguén”, afirmou. “Temos que ser axitadores da sociedade fronte á Universidade e da Universidade fronte á sociedade, con modestia, pero con firmeza”.
Na mesma Asemblea, Joaquín Moya-Angeler resultou elixido por aclamación presidente honorario da CCS. Durante o seu mandato, logrou consolidala no ámbito interno e potenciar a súa presenza externa, a través tanto dunha maior visibilidade pública dos Consellos como do incremento da súa presenza institucional.
Desta maneira, o Comité Executivo da CSS queda integrado por: Manuel Pizarro (Universidade Autónoma de Madrid, presidente); Julio Revilla (Universidade de Huelva, vicepresidente); Ricardo Martí Fluxá (Universidade Rey Juan Carlos, vicepresidente); Antonio Abril Abadín (Universidade da Coruña, vogal); Ladislao Azcona (Universidade de Oviedo, vogal); Francisco Borja (Universidade Miguel Hernández, vogal); Anabel Carrillo (Universidade de Córdoba, vogal); Lothar Siemens (Universidade das Palmas de Gran Canaria, vogal) e Manuel A. Villa (Universidade Antonio de Nebrija, vogal).
Manuel Pizarro (Teruel, 1951) é Avogado do Estado e Académico de Número da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación e da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras. Adxunto á presidencia de El Corte Inglés, foi presidente de Endesa, da Bolsa de Madrid e de Ibercaja.