“As universidades deben facer marketing para que os profesionais das empresas saiban que hai unha oferta de servicios e produtos que pode mellorar a súa competitividade”, asegurou Antonio Abril Abril Abadín, ao respecto de incrementar as relacións universidade-empresa.
O presidente do Consello Social da UDC e presidente da Conferencia de Consellos Sociais, participou no ‘Foro Ignicia: a transferencia de coñecemento en Galicia’, organizado pola Axencia Galega de Innovación e a Fundación Barrié, como membro do comité de expertos que elaborou o informe ‘A transferencia de resultados de investigación no sistema universitario galego de I+D. Informe 2011-2018’.
Un bo exemplo de ese marketing universitario para a axuda na mellora da competitividade empresarial é o que se está a facer desde os campus de especialización da Universidade da Coruña coa posta en valor dunha investigación en diferentes e potentes áreas que non so atraian a empresas senón tamén ao alumnado.
O presidente do Consello Social da UDC asegurou que a actitude das universidades, os reitores e os equipos reitorais é moi importante á hora de fomentar a cultura da cooperación na transferencia de resultados. Puxo como exemplo o norte de Portugal considerada ‘strong region’ en termos de innovación dacordo doa Unión Europea e aludiu a súa proactividade e traxectoria neste senso na I+D+i.
Resaltou os importantes pasos que se están a dar nos últimos anos desde as universidades galegas, sobre todo, na herculina. “Non sempre foi así, vimos de moi lonxe e temos un problema na folla de ruta que está a realizar a OCDE pola falla de madurez do sistema”, indicou aludindo a escaseza de espazos de colaboración maduros e con experiencia. Antonio Abril fixo fincapé, ademais, na necesidade de mellorar as competencias dos profesionais das universidades que teñen que transferir os resultados da investigación.
Recordou que a falla de reformas estruturais no sistema universitario español, principalmente, na gobernanza, lastra a excelencia da educación superior. “Unha universidade pública máis aberta a sociedade e, sobre todo, unha sociedade, incluído as empresas, máis comprometida na xestión e gobernanza das universidades vai favorecer moito a transferencia porque a transferencia é cousa de dous”, insistiu, e recordou que a universidade debe ser o gran laboratorio que faga posible a tan necesaria transformación tecnolóxica das empresas.
O Foro Ignicia foi concibido como un espazo de reflexión e de actuación de cara ao futuro no ámbito da transferencia de tecnoloxía que estivo presidido polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias.
O evento contou co análise sobre o ecosistema galego de I+D dos expertos Fernando Galindo-Rueda, economista sénior da Dirección de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), e Rogelio Conde-Pumpido, coordinador do estudo A transferencia de resultados de investigación no Sistema Galego de I+D. Informe 2011-2018. Ademais, o xefe do Servizo de Promoción e Apoio á Investigación, Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da Universidade Politécnica de Valencia, Fernando Conesa, expuxo a súa visión sobre o desenvolvemento profesional de xestores/as e investigadores/as.
No Foro Ignicia abordáronse tamén as claves do programa Ignicia ao que se acolleron 16 proxectos galegos nas dúas convocatorias lanzadas e que tiveron como resultado 8 spin off creadas nas que traballan 123 profesionais, 50 deles de nova incorporación, e 9 acordos de licenza. A Axencia Galega de Innovación prepara xa a terceira convocatoria para apoiar a un máximo de 7 proxectos no seus proceso de valorización e transferencia de coñecemento á sociedade.