Medicusmundi España participa no Ciclo de Conferencias En Código Abierto

Medicusmundi España participa no Ciclo de Conferencias En Código Abierto

A Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social organiza o próximo 26 de abril a segunda sesión do Ciclo de Conferencias En Código Abierto do curso 2017/2018, que nesta ocasión contará co director da Federación de Asociacións de Medicusmundi España, Félix Fuentenebro.

Baixo o título “Medicusmundi e a empresa: 55 anos de relación”, o tamén coordinador do informe “A saúde na cooperación ao desenvolvemento e a axuda humanitaria” abordará a concepción da empresa por parte de Medicusmundi desde o punto de vista da Responsabilidade Social Corporativa. Neste sentido, Fuentenebro fará fincapé na relevancia das entidades privadas como actores sociais na loita contra a pobreza e no seu necesario compromiso tanto cos dereitos humanos e laborais como coas normas medioambientais.

A conferencia, que terá lugar ás 13.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, será presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril, e contará tamén coa participación da vicerreitora do Campus de Ferrol e de RS, Araceli Torres, e a directora da Cátedra Inditex-UDC de RS, Marta Rey.

Os interesados en acudir á conferencia deberán confirmar a súa asistencia antes do próximo 25 de abril cubrindo este formulario.

Máis información a través do teléfono 981 167 000 Ext. 4407.

Comparte este artículo

Arquivos