Responsabilidade Social Universitaria

Memoria de Responsabilidade Social Universitaria

Acto de presentación da Memoria RSU

O fomento da responsabilidade social universitaria é un obxectivo estratéxico plenamente integrado tanto na xestión universitaria como nas actividades de xeración e difusión do coñecemento que desenvolve a Universidade da Coruña. A consolidación da Memoria de Responsabilidade Social da UDC como instrumento de transparencia, rendición de contas, e recoñecemento de compromisos e obrigacións é unha mostra diso.

Este documento, editado por vez primeira no ano 2010, nace con vocación de xerar un espazo de comunicación e colaboración con todos os grupos de interese da institución, que pretende integrar a todos os membros da comunidade universitaria, á cidadanía, á administración pública e ás empresas da contorna. A Memoria de Responsabilidade Social da UDC recolle ademais o compromiso firme do reitor, do equipo de goberno, e do Consello Social, coa responsabilidade social universitaria e o futuro da institución, constituíndo unha ferramenta útil para valorar a contribución da Universidade da Coruña ao desenvolvemento social, económico e sostible de Galicia.

A elaboración deste documento foi posible grazas a un importante traballo colaborativo no que participan representantes dos órganos de goberno e dos distintos servizos universitarios. A Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e o Consello Social da Universidade da Coruña, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade, supervisan e coordinan este proceso.

A Memoria de Responsabilidade Social da UDC é unha iniciativa desenvolvida en execución do acordo de colaboración subscrito pola Universidade da Coruña e Industria de Deseño Téxtil S.A. para a implantación dun modelo de responsabilidade social na universidade coruñesa.

Espazo 2.0