O Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) expresa o seu profundo pesar polo pasamento de D. José Luis Meilán Gil, Catedrático de Dereito Administrativo e Reitor da UDC durante o período 1990-2003. Trátase dunha figura de relevancia histórica pola súa traxectoria profesional e universitaria, como ilustre xurista, humanista e profesional ao servizo do progreso de Galicia, de España e do impulso docente, científico e fundacional da Universidade da Coruña, onde desempeñou un papel fundamental para converter a UDC na institución puxante e innovadora que é hoxe en día. Meilán Gil tamén foi membro deste Consello Social, na súa condición de Reitor, ademais de Deputado, Conselleiro de Estado e un nome importante na elaboración da Constitución española de 1978 e do Estatuto de Autonomía de Galicia.
O Presidente do Consello Social da UDC lamentou a súa perda. “Unímonos ao sentido pésame da Universidade polo seu pasamento. Tiven ocasión de compartir con José Luis algúns dos mellores momentos da miña vida profesional e universitaria, e o seu recordo emocionado quedará gravado na miña memoria”, destacou D. Antonio Abril Abadín.