A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade celebra unha nova sesión do seu ciclo En Código Aberto coa conferencia “Sostibilidade, impacto social e novas tendencias estratéxicas”, impartida por Fernando Riaño, director de Relacións Institucionais e Sostibilidade do Grupo Social ONCE.
A charla terá lugar o 29 de abril, ás 19:30 horas, na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.
Durante a súa intervención, Fernando Riaño abordará algunhas das claves que están a redefinir o papel das organizacións na actualidade, como a sostibilidade, o impacto social, a responsabilidade corporativa, a competitividade e o valor compartido. A sesión permitirá coñecer a visión dun dos perfís máis recoñecidos en España no ámbito da sostibilidade estratéxica e da relación entre empresa e sociedade.
Fernando Riaño conta cunha ampla traxectoria en consultoría, sector financeiro, responsabilidade corporativa e sostibilidade. Actualmente forma parte tamén do Governing Board do Comité Paralímpico Internacional e presidiu a Xunta Directiva de Forética.
A conferencia é de acceso libre. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición, solicitar certificado de asistencia ou acceder á retransmisión en directo a través da ligazón habilitada pola organización.
O ciclo En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade, cuxa coordinación corresponde ao Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.