O Consello Social aproba a integración da UDC en Sigma AIE

O Consello Social aproba a integración da UDC en Sigma AIE

A comisión executiva do Consello Social da Universidade da Coruña aprobou por unanimidade a integración da institución académica herculina en Sigma Xestión AIE, unha agrupación sen ánimo de lucro da que forman outras 14 universidades españolas. Sigma Xestión AIE está especializada en axudar ás institucións de educación superior a optimizar a súa xestión académica, docente e investigadora aplicando as mellores tecnoloxías da información.

Reunidos por videconferencia, os membros da comisión deron tamén luz verde ao resto de puntos da orde do día. É o caso da proposta de asignación do complemento autonómico de recoñecemento polo traballo docente e investigador de 4 profesores e profesoras da UDC, correspondentes á convocatoria 2019.

Así mesmo, tamén se procedeu a autorizar a proposta de modificación do recoñecemento polos cargos de xestión do ano 2015 e á modificación do recoñecemento da excelencia curricular docente e investigadora dun profesor da UDC, tras a resolución dun recurso de reposición interposto polo interesado.

Ademais, a comisión executiva do Consello Social da UDC coñeceu de primeira mano convenios aprobados polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña celebrados en marzo e abril. Trátase de 27 convenios, entre marco e específicos, e outros 167 correspondentes aos acordos da institución académica con diferentes empresas para a realización de prácticas académicas externas, curriculares e extracurriculares, do alumnado da UDC.

Comparte este artículo

Arquivos