O Consello Social da Universidade da Coruña celebrou, en modalidade mixta (presencial e en liña), o primeiro Pleno de 2026 no que aprobou a Memoria de Sustentabilidade 2023-2024, un documento clave de rendición de contas que incorpora por primeira vez o estándar internacional GRI e no que se amosa un nivel de aliñamento superior ao 70 %. A sesión incluíu, ademais, un repaso ao estado da auditoría do exercicio 2024 e unha presentación detallada da folla de ruta da institución en materia de sustentabilidade.
A sustentabilidade é unha das pedras angulares do plan operativo do Consello Social da UDC, que leva máis de 15 anos traballando nesta área.
Aprobada a Memoria de Sustentabilidade 2023-2024, con estándar GRI
O Pleno aprobou a Memoria de Sustentabilidade correspondente ao curso 2023-2024, elaborada no marco do convenio de colaboración entre INDITEX e a UDC para promover un modelo de Responsabilidade Social Universitaria. A coordinación técnica do documento desenvolveuse de forma conxunta desde a Secretaría do Consello Social, a Secretaría Xeral da UDC e a Vicerreitoría de Infraestruturas e Sostibilidade, con participación doutras áreas universitarias. O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, agradeceu a todos os axentes universitarios que prestaron a súa colaboración no desenvolvemento desta Memoria, “froito dun importante esforzo colectivo”.
O documento estrutúrase en oito capítulos que percorren os principais ámbitos da actividade universitaria: universidade e recursos, goberno, vida académica e laboral, investigación e transferencia, vida nos campus e compromiso coa contorna. Como novidade, incorpora un apartado con maior profundidade sobre o desempeño ambiental e o coidado da contorna natural.
A Memoria de Sustentabilidade forma parte do convenio de colaboración Inditex-UDC, que está integrado por proxectos como a Cátedra Inditex e o Programa de bolsas In Motion.
Seguimento económico e Premios Consello Social UDC 2026
No apartado de control económico-orzamentario, a xerenta da Universidade da Coruña, María Jesús Grela, informou os membros do Pleno sobre o estado actual da auditoría das contas correspondentes ao exercicio 2024, que podería estar lista nos próximos meses.
Ademais, o Pleno deu luz verde ás bases da convocatoria dos Premios Consello Social UDC 2026, incorporando dúas modificacións. En palabras do secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, a partir desta edición, o Premio Impulso outorgarase a título individual a investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña, en lugar de dirixirse a grupos de investigación como ata agora. Ademais, en todas as categorías, incluídas Emprende UDC e Confianza UDC, establécese un sistema de nominación por grupos autorizados.
As tres categorías están orientadas a reforzar a relación universidade-sociedade e a recoñecer a colaboración con empresas e institucións e o emprendemento.
Os catro eixes da estratexia de sostibilidade
A vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Sonia Vázquez Díaz, acudiu acompañada polo Adxunto de Sustentabilidade, Javier López Ribadulla, e polo director da Oficina de Sostibilidade, Fernando de Llano Paz, para presentar a estratexia de sostibilidade da UDC. Esta artéllase en catro grandes liñas, con actuacións e iniciativas xa en marcha ou en planificación:
-
Institucionalización da sostibilidade, con medidas transversais ligadas á gobernanza, ao control de consumos e ao autoconsumo.
-
Mobilidade sostible, orientada a reducir a pegada de carbono e mellorar a conectividade e os accesos non motorizados. Entre as actuacións expostas atópanse o carril bici de Elviña e o deseño dun plan e dun estudo de mobilidade.
-
Conservación da biodiversidade, con accións de coidado de espazos verdes e recuperación de ecosistemas, poñendo o foco no Monte da Fraga.
-
Xestión eficiente de recursos e residuos, con iniciativas de eficiencia enerxética e da auga, mellora da recollida selectiva e impulso dunha política de “residuo cero”, xunto con liñas de economía circular e colaboración coa Cátedra EMALCSA.