O Consello Social celebra a xornada ‘Retornando o talento emigrado’

O Consello Social celebra a xornada ‘Retornando o talento emigrado’

O Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) organizou esta mañá unha xornada no Centro de Investigación TIC (CITIC) co obxecto de poñer en valor a mobilización internacional do persoal docente e investigador e, sobre todo, o impulso de iniciativas que fan posible o regreso destes profesionais para transferir excelencia e coñecemento a súa Universidade e país de orixe.
O encontro comezou cunhas palabras de agradecemento por parte do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, que sinalou a importancia do encontro, “que non é solo sensibilizar a sociedade sobre a importancia da investigación, senón tamén poñer en valor e dar voz a esas persoas que están en España que estudaron aquí e desenvolveron experiencia internacional, e poden facer unha análise comparativa sobre o que facemos ben e o que deberiamos facer para que a investigación española se coloque en termos de competitividade e eficiencia internacionais”. Abril Abadín aproveitou para resaltar a confusión que hai en España: “Falamos de talento retornado, porque confundimos a mobilidade de talento coa emigración do mesmo”.

Na mesma liña continuou o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, quen comentou que anteriormente se facían estancias doutourais e os talentos volvían, pero, actualmente, “como universidade temos un reto importante que é reter, temos que ter a capacidade para que desenvolvan a súa actividade mediante recursos e medios. E para iso necesitamos mecanismos para abrir novas vías para aqueles talentos que queiran volver ou que queiran desenvolver a súa actividade con nós”.

O director do CITIC, Manuel González Penedo, destacou o xurdimento do centro como resposta ás demandas dos investigadores, un centro que a día de hoxe conta con doce grupos de investigación, nove deles de máxima categoría. “A captación e retorno de talento son os focos nos que facemos fincapé. O retorno é importante porque de aquí marchan moitos investigadores, pero é necesario encontrar fórmulas e medios para que volvan e poñer en valor as actividades que facemos no centro”, afirmou González.

Pola súa parte, o director do Centro de Regulación Genómica (CRG), Luis Serrano Pubul, destacou que actualmente para retornar o talento non basta con ofrecer un posto de traballo, “hai que dotar as universidades para darlle os recursos aos investigadores, xa que eles antes de volver van preguntar de que instrumentos e medios dispoñen e tamén cal é o ambiente do traballo. Non vale con traer talento e non axudarlles, senón que hai traelos dentro dun plan estruturado para que brillen”.

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, explicou o proxecto InTalent apoiado por Inditex para o retorno do talento emigrado. “Son un defensor do mecenado e do apoio da empresa á universidade. Considero que este é o camiño para lograr que os nosos talentos retornen e tamén para que o noso centro continúe desenvolvendo proxectos de investigación”.

O Xeral Manager de Ikerbasque, Íñigo Atxutegi Basagoiti aproveitou a súa intervención para falar da creación da entidade e tamén expresou a importancia da sustentabilidade. “É necesario ter perspectiva a longo prazo pero hai dar pasos e avanzar, xa que sempre hai opcións para mellorar. O importante é actuar, tomar decisións e ter capacidade para sosterse no tempo.

O director de ICREA, Antonio Huerta Cerezuela, recalcou que o valor da súa entidade é a estabilidade. “É moi importante que os centros teñan proxección de futuro e posúan os recursos necesarios para que os nosos talentos poidan desenvolver a súa carreira investigadora con éxito”.

Tras as presentacións, tivo lugar unha mesa redonda onde os relatores reflexionaron como potenciar o retorno do talento emigrado.

Comparte este artículo

Arquivos