O Consello Social da UDC apoia Aldaba-TIC Camp para fomentar as vocacións TIC

O Consello Social da UDC apoia Aldaba-TIC Camp para fomentar as vocacións TIC

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, e as codirectoras da Cátedra ALDABA-WIB da Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), Virginia Matogueira Abad e Alma María Gómez, asinaron esta mañá o acordo de colaboración para o patrocinio do campus tecnolóxico de verán ALDABA-TIC Camp.

O presidente do Consello Social da UDC sinalou a importancia de apoiar o desenvolvemento de proxectos que contribúan a espertar as vocacións STEM en idades temperás e a potenciar o alumnado feminino en estudos relacionados coas TIC. “Existe unha demanda urxente de formar talento cualificado con capacidades dixitais, e a formación en disciplinas STEM é unha prioridade na que non teñen cabida as distincións de xénero, pois o talento debe ser diverso”.

ALDABA-TIC Camp celebrarase entre os días 26 e 30 de xuño na Facultade de Informática da UDC (A Coruña) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo (Ourense).

ALDABA-TIC Camp: potenciar o alumnado feminino

As codirectoras da Cátedra ALDABA-WIB da UDC e UVigo profundaron nos pormenores do ALDABA-TIC Camp, campus tecnolóxico de verán dirixido nenas e nenos con idades comprendidas entre 6 e 12 anos. O campamento conta cun total de 72 prazas, das cales un 80% están reservadas para nenas.  “Esta iniciativa planifícase como un modo de abordar unha das liñas estratéxicas da cátedra ALDABA-WIB: incrementar a presenza feminina no campo das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións”.

Durante o acto, tamén interveu Enrique Augusto Fernández Pérez, socio-director de ALDABA Servizos Profesionais, quen agradeceu ao Consello Social da UDC a súa aposta por unha iniciativa innovadora na contorna da educación superior en Galicia e polas actividades desenvolvidas pola Cátedra Aldaba-Wib: Women, ICT & Business. “Desde ALDABA puxemos en marcha a cátedra co obxectivo de loitar para reducir a brecha de género”, indicó. 

O período de inscrición ao campus ALDABA-TIC  Camp: Misión a Marte iniciouse o pasado 10 de maio e en poucas horas esgotáronse todas as prazas en ambas ubicacións.

Máis información: https://tic-camp.aldaba.es/.

Comparte este artículo

Arquivos