Á vista das dúbidas surxidas nos últimos días informamos que os estudantes do Grado en Dereito e ADE tamén poden presentar a súa candidatura nesta convocatoria de Becas de Colaboración para Formación Complementaria no Consello Social para o curso 2024/2025.
O Consello Social da Universidade da Coruña acaba de facer pública unha convocatoria de dúas bolsas de colaboración na súa sede, dirixidas a estudantes de Dereito ou de Dereito e ADE da UDC para completar a súa formación universitaria. Poderán presentarse a esta convocatoria todos aqueles estudantes que teñan superado o 60% dos créditos da titulación.
O importe bruto da bolsa será de 700 € brutos mensuais e a duración da mesma será de 9 meses desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de xuño de 2025 con xornada de luns a xoves en horario de 9:00 a 14:00 h.
Requisitos
- Estar matriculado/a en o curso 2024/2025 e estar ao corrente do pago das taxas que correspondan.
- Non ser beneficiario dunha bolsa de colaboración do MEC ou calquera outra destinada ao mesmo fin, así como non realizar actividades retribuídas que supoñan ganancias superiores ao trinta por cento do Salario Mínimo Interprofesional. Con todo, serán compatibles coas bolsas de carácter xeral do MEC, da Administración Autonómica e as axudas convocadas pola UDC (transporte, residencias…).
- Non manter relación contractual de tipo laboral, de prestación de servizos ou asimilable coa propia universidade ou centro adscrito desta.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes comezará a computar a partir do 30 de xullo de 2024 e finalizará o 16 de setembro de 2024.
Formalización das solicitudes
As solicitudes deberán presentarse en calquera das oficinas de Rexistro da Universidade da Coruña.
Deberá presentarse a seguinte documentación:
- Escrito de solicitude debidamente asinado (Anexo I).
- Currículo Vitae da persoa solicitante, coa correspondente documentación que acredite os distintos méritos.
- Declaración responsable de non contar con ningunha axuda económica incompatible, nin realizar ningunha actividade retribuída. En caso de realizarse unha actividade retribuída, certificación da Axencia Tributaria acreditativa do seu nivel de rendas, para os efectos de comprobar que non se obteñen ganancias superiores no seu importe ao trinta por cento do Salario Mínimo Interprofesional. (Anexo II)
Documentación necesaria para preparar a túa candidatura
Dúbidas e información adicional sobre a convocatoria
Todas as dúbidas sobre esta convocatoria deberán ser expostas por correo electrónico a través da dirección consello.social@udc.es