O Consello Social da Universidade da Coruña outorga os seus Premios 2018/2019

O pleno do Consello Social da Universidade da Coruña reuniuse o xoves 4 de xullo para decidir os gañadores dos Premios Consello Social UDC 2018-2019.

Co fin de recoñecer publicamente o labor dos grupos de investigación, alumnos e empresas que contribúen de xeito exemplar ao fomento da innovación, o emprendemento, a internacionalización e a posta en valor do coñecemento, o Consello Social da UDC outorga estes premios en tres categorías: Premio Impulso UDC, dirixido a grupos de investigación da UDC; Premio Confianza UDC, dirixido a empresas; e Premio Emprende UDC, dirixido a estudantes da UDC.

O Premio Impulso UDC recibiuno o Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC) “pola súa contribución á transferencia do coñecemento innovador desenvolvendo unha gran cantidade de proxectos”. Neste sentido, o Pleno do Consello Social valorou positivamente a actividade de investigación e transferencia que permitiu ao GAC a captación de máis de 12,2 millóns de euros para o desenvolvemento de diversas iniciativas, así como a internacionalización da súa actividade.

Pola súa parte, Aldaba Servicios Profesionales obtivo o Premio Confianza UDC “pola súa aposta pola colaboración Universidade-Empresa para o desenvolvemento de proxectos e iniciativas innovadoras nos campos da I+D+i, docencia e extensión universitaria”. O Pleno valorou singularmente a colaboración desta entidade no programa de formación empresarial da Fundación Universidade da Coruña, acollendo a 22 titulados da Universidade e participando, ademais, no programa de prácticas externas da Facultade de Informátiva.

Finalmente, IT Fabricación Digital S.L (ITFAB) recibe o Premio Emprende UDC “por tratarse dunha empresa moza fundada por un grupo de antigos alumnos da UDC que destaca pola súa singular aposta pola innovación”. O Pleno avaliou positivamente esta iniciativa, ademais, por presentar unha carteira de servizos “única e innovadora” no eido da Coruña, destacando as súas alianzas comerciais con diferentes empresas galegas.

O vindeiro 11 de xullo ás 12:00 horas será o acto de entrega dos Premios 2018-2019 que terá lugar no Paraninfo do Reitorado da UDC (A Maestranza, 1). Ese día tamén se presentará a memoria de Responsabilidade Social da UDC 2017-2018.

Comparte este artículo