O Consello Social publica ‘El desafío de Yago’, a última novela de Ignacio Villoch

O Consello Social da Universidade da Coruña vén de publicar o segundo libro de Ignacio Villoch sobre emprendemento. ‘El desafío de Yago: En busca de las fuentes del talento’ é unha novela empresarial continuadora de ‘La aventura de Diana’, un título que se converteu en toda unha referencia nacional sobre as dificultades que debe afrontar toda persoa que queira pór en marcha un negocio baseado na innovación. A segunda obra segue o camiño da súa precuela, coa excepción de que nesta ocasión o autor pon ao emprendemento ao servizo do talento.

Ignacio Villoch é licenciado en dereito e especialista en comercio internacional. Con todo, a maior parte da súa carreira profesional desenvolveuna como comunicador, publicando con frecuencia en varios blogs e redes sociais, e actualmente traballa como xerente para o desenvolvemento no Centro de Innovación de BBVA en Madrid.

A través dos seus libros explica dun xeito ameno e entendible as dificultades polas que debe pasar todo innovador para sacar adiante un proxecto, incluso sendo unha iniciativa de gran talento, nunha época de grandes cambios tecnolóxicos e comunicativos.

“Innovar supón asumir riscos de que o produto non saia como planeamos o que saia doutra maneira. En definitiva, innovar non é ter ideas, senón levalas de xeito efectivo ao mercado; converter a novidade en valor, as ideas en facturas. Ás veces chégase demasiado cedo aos mercados que non están aínda preparados”, sinalaba recentemente o autor nunha reportaxe publicada en La Voz de Galicia.

Ignacio Villoch participou con anterioridade noutras iniciativas do Consello Social da Universidade da Coruña, como a xornada ‘A xestión do talento no contorno dixital’ que tivo lugar o pasado mes de xullo no Paraninfo do Reitorado da UDC.

Arquivos