A UDC acolle a Conferencia Ibérica sobre o Espírito Empresarial

A UDC acolle a Conferencia Ibérica sobre o Espírito Empresarial

Esta mañá inaugurouse a sexta edición da Conferencia Ibérica sobre o Espírito Empresarial (Ciem 2016) que ten lugar na Universidade da Coruña. Os obxectivos desta cita anual son a difusión do espírito empresarial como eixo do crecemento económico e darlle un pulo á iniciativa empresarial transfronteiriza España-Portugal. Na sesión inaugural participaron, entre outros, Julio Abalde, reitor da UDC, e Antonio Abril, presidente do Consello Social.
“A UDC é unha universidade nova e, como somos do século XXI, un dos nosos valores é o fomento do emprendemento dos nosos egresados. Sabemos que crear empresas é necesario para a riqueza da nosa sociedade, polo que promovemos as xeracións de ideas e a creación de empresa”, explicou no seu discurso Julio Abalde.

Pola súa parte, Antonio Abril destacou que “o Concello Social preocupouse nos últimos oito anos do emprendemento e de que entre na universidade. As universidades teñen que fomentar o emprendemento dun xeito dobre. Deben transmitir coñecementos sobre emprendemento, para o que se precisa o apoio e a experiencia das empresas. Pero tamén deben ser emprendedoras en si mesmas porque a sociedade necesita valor produtivo das universidades para prosperar”.

A organización desta 6ª edición corre a cargo da Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Portuguesa para o Emprendemento (Empreend), que conta ademais co apoio e a colaboración doutras entidades como o Consello Social da UDC, a Universidade Aberta de Portugal, o Instituto para o Fomento da Innovación, o Deseño e o Emprendemento (IFIDE), Turismo da Coruña, Incubadora Empresarial Incubcenter e Fundación Ronsel, entre outras.

Máis información en Conferencia Ibérica sobre o Espírito Empresarial (Ciem 2016)

Comparte este artículo

Arquivos