A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade continúa o seu ciclo de conferencias En Código Abierto cunha segunda sesión na que intervirá José María Vera, director executivo de UNICEF España.
Baixo o título “Caeron os retos sociais da axenda da Sostibilidade? O ‘S’ pequeno da ESG”, o experto en cooperación e terceiro sector explicará como, tras a pandemia, deuse un retroceso dramático nos dereitos sociais en todo o mundo e de forma especial para a infancia. E, aínda que o sector privado está a abordar os desafíos ambientais a través dunha axenda de Sostibilidade, a abordaxe dos desafíos sociais está a quedar atrás. En opinión do director executivo de UNICEF España, é necesario levar tamén os retos sociais ao centro da actividade empresarial porque os millóns de nenos e nenas que viven na pobreza, que non van á escola, ou que morren por enfermidades que cabe previr, hoxe máis que fai tres anos, non poden esperar.
A sesión celebrarase o xoves 23 de marzo ás 19.30 horas no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña. Se ben é de acceso libre, podes formalizar a túa inscrición nesta ligazón, na que tamén podes solicitar un certificado de asistencia. Se non podes atender a charla presencialmente, nesa mesma ligazón tes acceso á retransmisión en directo vía streaming.
Ao rematar a conferencia, para facilitar o contacto entre as persoas asistentes, terá lugar un breve encontro de networking na planta baixa do Reitorado.
Longa traxectoria en cooperación e terceiro sector
José María Vera Villacián atesoura unha longa traxectoria no mundo da cooperación e o terceiro sector. Químico industrial de formación, desenvolveu labores de voluntariado en Perú, traballou como enxeñeiro de proxectos en Técnicas Reunidas e, moi pronto, incorporouse a Oxfam Intermón (Oxfam España) como director de Campañas e Estudos.
Foi director de Programas de Cooperación do Cumio Iberoamericano de Xefes e Xefas de Estado e de Goberno na Secretaría Xeral Iberoamericana. Regresou a Oxfam Intermón en 2012 para ocupar o posto de director xeral e en 2019 foi nomeado director executivo de Oxfam Internacional. É director executivo de UNICEF España desde novembro de 2021.
É colaborador en diversos medios de comunicación, foi profesor visitante na Universidade de Georgetown e na Universidade Loyola Andalucía, e dirixiu varias edicións dos informes da Realidade da Axuda e da Cooperación Sur-Sur en Iberoamérica. Así mesmo, é Máster en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento pola Universidade Complutense de Madrid e cursou o Programa de Desenvolvemento Directivo (PDD) no IESE, así como o Programa de Investimento Sostible (ESG) da Universidade de Cambridge e o Programa de Conselleiros de ESADE.
Máis información en www.catedrainditex.com