O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) reuniuse en sesión ordinaria no Paraninfo da UDC e acordou aprobar a liquidación do orzamento e as contas anuais correspondentes ao exercicio económico de 2020.
Na reunión, o Consello Social informou favorablemente, ademais, a proposta de modificación da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos UDC e a proposta de implantación e modificación de títulos universitarios oficiais para o curso 2021 e 2022.
Os membros do Pleno tamén deron luz verde á creación de dous novos centros de investigación, o ‘Economics and Business Administration for Society’ (Ecobas), e o Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac). Aprobouse, ademais, a proposta de complemento retributivo autonómico ao recoñecemento polos cargos de xestión a profesores da UDC, correspondentes á convocatoria 2020.
Nesta mesma sesión ordinaria, a Universidade da Coruña informou ao Consello Social sobre o estado da elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 e sobre resultados da execución orzamentaria da UDC durante o primeiro semestre deste exercicio 2021.
Benvida e agradecemento
No seu informe dirixido ao Pleno, o Presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, deu a benvida aos 12 novos membros que foron recentemente nomeados pola Consellería de Educación, Cultura e Universidades, e que asistían por vez primeira a unha sesión do Pleno. Agradeceu, ademais, o compromiso e traballo dos membros saíntes, salientando que o seu mandato constituíu unha etapa exemplar no que respecta ao funcionamento do Consello Social.