O Pleno do Consello Social aproba o orzamento e o plan operativo da UDC para 2023

O Pleno do Consello Social aproba o orzamento e o plan operativo da UDC para 2023

O Pleno do Consello Social, reunido no Centro Universitario de Riazor na súa última sesión do ano, aprobou por unanimidade o orzamento e o plan operativo anual da Universidade da Coruña para o exercicio 2023.  

O orzamento da UDC para o próximo ano é o máis alto da historia da institución académica coruñesa situándose nos 168,44 millóns de euros, o que supón un incremento do 13,87% con respecto ao 2022.  

O vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo Calvo Dopico, explicou durante a reunión a estrutura e composición dos ingresos e os gastos. Destacou o aumento do 60% no capítulo de investimentos, o crecemento dun 6,52% no capítulo de gastos de persoal derivado dos incrementos retributivos, e dun 6,85%, ata os 19,94 millóns de euros, no capítulo de gastos correntes polo incremento xeneralizado dos prezos e a crise enerxética.   

O Pleno do Consello Social tamén deu luz verde por unanimidade á proposta de orzamento do Consello Social da UDC correspondente ao exercicio 2023 e á contratación da auditoría para o exame das contas anuais da Universidade correspondentes ao exercicio 2022.  

Na cuarta reunión anual, celebrada na sala de Plenos do Centro Universitario de Riazor, os membros do Pleno aprobaron tamén por unanimidade a proposta de tarifas dos Servizos de Apoio á Investigación para o exercicio 2023, a proposta de complemento retributivo autonómico de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora aos profesores da UDC correspondente á convocatoria 2021 e o calendario tentativo dos Plenos do Consello Social para o próximo ano.  

Ademais, a Universidade informou os membros do Pleno sobre a normativa de creación da Rede de Centros e Unidades de I D i da UDC e os convenios aprobados no último Consello de Goberno.  

Tras a incorporación de Camilo Pardo López e Ana Fernández Roca como novos membros do Pleno do Consello Social, procedeuse tamén á súa designación como membros de diferentes comisións permanentes do Consello Social e representantes noutros órganos e institucións. 

Comparte este artículo

Arquivos